Curtocircuíto pecha a súa vixésima edición coa entrega de premios aos filmes gañadores

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA)

A vixésima edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto chega ao seu final cun acto de clausura no que participaron a alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, a concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e o director artístico de Curtocircuíto, Pela del Álamo. A ceremonia contou tamén coa presenza de representantes dos grupos políticos da Corporación municipal e das entidades colaboradoras do certame.


Goretti Sanmarín aproveitou a entrega de premios para parabenizar a todas as propostas gañadoras e para transmitirlle a todo o equipo artístico e técnico do Festival o seu esforzo por “manter unha plataforma que leva reunindo en Compostela artistas e creadoras relevantes do mundo audiovisual contemporáneo durante dúas décadas, e sobre todo por facer desta 20ª edición unha cita única que quedará para o recordo”.
O director artístico de Curtocircuíto, pola súa banda, agradeceu a todas as persoas asistentes a súa implicación co festival, con especial mención ás e aos cineastas e artistas do audiovisual que participaron de xeito activo no programa deste vixésimo aniversario. “Curtocircuíto converteuse de novo nun espazo de encontro entre artistas e público, fomentando a interactividade e abrindo novas conversacións moi necesarias para o crecemento e evolución artística, así como para reconsiderar o modelo de festival e de cidade. Grazas por tanto”, sinalou.

Neste mesmo acto, anunciouse o palmarés desta 20ª edición. As persoas integrantes dos distintos xurados oficiais de Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema decidiron outorgar os seguintes premios:

  • Premio Cosmos á mellor película: Nazarbazi, ( نظربازی ) de Maryam Tafakory
    • Mención Especial: O paso do tempo (March of time), de Pedro Maia
  • Premio Cosmos á película máis innovadora: Unha historia de pantasmas asiática (九龙东往事 -An Asian Ghost Story) de Bo Wang
    • Mención Especial: Veciño próximo (Nearest Neighbor), de Rebecca Baron e Douglas Goodwin
  • Premio Cosmos á mellor película española (patrocinado por RC Service): Mamántula, de Ion de Sosa
    • Mención especial: A nena mártir (La niña mártir), de María Pérez Sanz
  • Premio Galiza: Non te vexo de Xacio Baño
  • Premio Supernova (patrocinado por Galicia Calidade): Noitevella 1999, de Uxia Gayoso
    • Mención especial: Elisa, de Paula González García
  • Premio do Xurado Novo: Unha historia de pantasmas asiática (九龙东往事 -An Asian Ghost Story) de Bo Wang
    • Mención especial: O meu veciño Abdi (Buurman Abdi), de Douwe Dijkstra
  • Premio CREA á mellor Dirección Galega: Non te vexo de Xacio Baño
  • Premio #OutraCompostela (patrocinado por Turismo de Galicia e Santiago de Compostela Film Commission): Doddies de Elena Vázquez, Irene Tobío e Beatriz Real
  • Premio do Público (patrocinado por GADIS): Aínda que sexa noite (Aunque es de noche), de Guillermo García López