Abre no Auditorio de Galicia a mostra ‘Formas do deseño. Galicia XXI’

O Auditorio de Galicia inaugura a exposición ‘Formas do deseño. Galicia XXI’, producida polo propio Auditorio (Concello de Santiago de Compostela) e a Fundación DIDAC.  A mostra pon en valor o deseño galego e abrirá as súas portas mañá, mércores 20 de febreiro, ás 20.00h nun acto no que participarán o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; os comisarios da exposición, David Barro e Mónica Maneiro; a subdirectora do Auditorio de Galicia, Silvia Modia; así como deseñadores e deseñadoras con obra en sala, entre eles Mª Elena Montero quen elaborou varios tapices xunto a Luis Seoane.

Precisamente como complemento e punto de partida da exposición, que se desenvolve nas salas do Auditorio de Galicia, na Fundación DIDAC  exhíbense eses tapices e cartóns deseñados por Luis Seoane e Mª Elena Montero, corenta anos despois de que fosen presentados na galería Citania de Santiago de Compostela, e nunca mostrados en conxunto dende 1979. Un deses tapices, así como outros traballos de Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane e os seus logros no renacemento da fábrica de Sargadelos, é o que abre a mostra nas salas do Auditorio de Galicia. A Fundación DIDAC abrirá ao público a partir das 18.00h para amosar o conxunto de tapices.

 

O catálogo, que se presentará antes de que peche as súas portas a exposición, recollerá aqueles traballos das e dos deseñadores que por motivos de espazo non poden estar presentes no Auditorio de Galicia pero que si serán incluídos na publicación.

Formas do deseño. Galicia XXI non é unha mostra de novas creativas e creativos, senón de propostas de deseño que foron realizadas nas últimas décadas. Así, aínda que a mostra se centra en deseñadores e deseñadoras que cobraron visibilidade xa entrado o século XXI, dándolle continuidade ao investigado e mostrado en A Creación do necesario. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia (2004), celebrada no MARCO de Vigo hai quince anos, Formas do deseño. Galicia XXI presta tamén atención aos deseñadores e deseñadoras que viñan traballando con rigor e continuaron a traballar no cambio de século, entre outros, Ventura Cores; Xosé Díaz; Pepe Barro, Lía Santana e Xosé Salgado do Grupo Revisión; Eloy Lozano; Francisco Mantecón; Manuel Janeiro; Alberte Permuy; Xosé María Torné; Uqui Permui; Nuria Carballo; Fausto Isorna ou os estudios Taller DD e Signum Deseño, entre outros, así como os arquitectos e arquitectas Alberto Noguerol e Pilar Díez, Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera, León López de la Osa ou o pioneiro Xosé Bar Boo, que terán no deseño un campo de acción fundamental.

Na década de 2000 aparecen novos deseñadores e deseñadoras, cunha formación moi heteroxénea e que, na maior parte dos casos, teñen en Galicia o seu punto de partida. Por suposto, hai moitos que desenvolverán fóra a súa traxectoria ou gran parte dela, como é o caso paradigmático de Tomás Alonso, así como doutros como Iván Mato ou Isaac Piñeiro. Décadas antes, o galego Víctor Moscoso traballará o seu deseño psicodélico para promotores musicais da esfera californiana. Entre os que terán Galicia como eixe das súas creacións destacáronse equipos de deseño industrial e de produto como FrutoDS ou Cenlitrosmetrocadrado, arquitectos enfocados tamén ao deseño de mobiliario como Luis Gil Pita e Cristina Nieto e o seu labor con UnDo ReDo, así como deseñadores máis ligados á tradición artesanal como Elías Cueto, Lago:Monroy ou Arturo Álvarez. É precisamente onde se mestura o deseño e o proceso artesanal -valores que xa estaban nas experiencias de Bauhaus ou de Ulm e de maneira máis próxima en Sargadelos-, onde se destacan propostas como as de Idoia Cuesta, Elena Ferro, Marta Armada, Ojea Studio, Verónica Moar ou Noroeste Obradoiro.

Nas últimas décadas, o desenvolvemento da identidade corporativa e os sistemas de identificación visual facilitarán a entrada de tipografías con raíces galegas, como as de Marcos Dopico ou María Ramos. Nesa mesma liña herdeira da revolución da historia dos sistemas gráficos, Álvaro Valiño obterá unha importante visibilidade internacional cos seus pictogramas e infografías. Outros referentes de deseño gráfico e identidade corporativa son os de Marta Lojo, María Pereiró e estudios como Costa, Desoños ou Sond3, que destacan como no mundo editorial o farán Ombretta, etc., Don Gráfica, Cecilia Labella, Artur Galocha, Desescribir ou Numax. Outros sectores que se inclúen na mostra son o do téxtil con pioneiros como Adolfo Domínguez e a iniciativa Galicia Moda de man do publicista Luís Carballo, Masscob ou Knitbrary.

Formas do deseño. Galicia XXI incide tamén en como a finais dos anos noventa a dixitalización mudou o xeito de traballar. Nos últimos anos, as redes sociais cambiaron definitivamente o noso modo de ollar a contorna, de situarnos nela. É momento de novos perfís profesionais, como os da deseñadora multimedia Marta Verde. Por outra banda, unha grande cantidade de artistas plásticos que derivaron o seu traballo cara ao mundo do deseño nos últimos anos. En Galicia é o caso de Juan Cidrás, Salvador Cidrás e Vicente Blanco, que canalizaron a súa enerxía creativa a partir de cerámicas e tapices baixo o nome de Formabesta.

Aínda que Formas do deseño. Galicia XXI se fundamenta no traballo dos deseñadores e deseñadoras -nalgúns dos casos mostrando deseños de autor con escasa saída comercial-, a ultima parte da mostra incide exclusivamente na integración do deseño no mundo da empresa, unha vez que o avance do deseño transcorre paralelo ao desenvolvemento da industria e da economía dun lugar. Neste sentido, ademais de traballos dalgúns dos deseñadores antes citados, neste apartado inclúense os de outros deseñadores e axencias como Bap & Conde, ou Tony Le Brand, entre outros.

Esta mostra pode visitarse no Auditorio de Galicia ata o 23 de xuño de 2019 en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h todos os días, con entrada de balde.

MÁIS INFORMACIÓN
  • Comisariada por David Barro e Mónica Maneiro, é unha produción do propio Auditorio e a Fundación DIDAC e poderá verse ata o 23 de xuño
  • Recolle preto de 300 traballos de máis de 100 deseñadores/as galegas representando o deseño gráfico, industrial, estratéxico, multimedia...