Presentación da nova Temporada 2018-2019 da Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou esta mañá a nova temporada de abono 2018-2019 na súa sede, o Auditorio de Galicia.

Asistiron ao acto o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Martiño Noriega; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; a directora técnica da RFG, Sabela García Fonte; xunto ao director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

A RFG celebrará 21 concertos de abono baixo o lema “Arquipélago de sons”, en referencia á música inglesa, que será o fío condutor desta temporada, e nos que se interpretarán obras de compositores británicos como Ralph Vaughan Williams, Cecil Coles, Edward Elgar, William Walton, Frederick Delius, Malcolm Arnold ou Jonathan Rathbone. Ademais,  e volvendo á esencia clásica da RFG, as “Sinfonías Londres” de F. J. Haydn vertebrarán os diferentes programas de abono. 

No transcurso da temporada haberá varias referencias á obra de Oscar Wilde: en marzo, a orquestra interpretará a Suite para o aniversario da infanta de Franz Schreker, escrita sobre un conto de Oscar Wilde. Para pechar a temporada, interpretarase a Balada desde a prisión de Reading, obra que o británico J. Rathbone compuxo a partir do texto homónimo de Wilde. Neste concerto, que dirixirá Paul Daniel, contarase coa colaboración do actor galego Carlos Blanco.

Paul Daniel referiuse a “unha programación moi ecléctica porque nos gusta ser aventureiros”. E manifestou que “imos conseguir que esta pequena orquestra se expanda na medida do posible”. Respecto ao lema da temporada, Arquipélago de sons, sinalou que “todo, os músicos, os programas, as cidades nas que tocamos, os artistas e directores cos que traballamos, os compositores... cada un deles é unha especie de illa e a miña tarefa é tratar de conectar todos eses talentos incribles”.

Actuacións gratuítas nos barrios, proxectos didácticos e iniciativas solidarias

Na súa intervención o alcalde salientou “a grande aposta da RFG por chegar a diferentes recunchos da cidade, ás prazas e aos barrios máis emblemáticos”. E indicou que “é un privilexio contar cun director como Paul Daniel, pola súa aposta persoal por socializar a orquestra, poñela en valor e achegar a música clásica ao pé da rúa”. Así, en setembro, a orquestra ofrecerá 4 concertos de balde nos barrios de Conxo, Fontiñas, na Praza Roxa e na Praza de Abastos. E programaranse 6 concertos didácticos para escolares, que poderán gozar coa música clásica en 3 propostas dirixidas a diferentes idades: O Quebranoces, coa compañía de monicreques Per Poc, Pangea, co poliinstrumentista  galego Abraham Cupeiro e Mini Mozart, un espectáculo do Serviço Educativo da Casa da Música (Porto).

Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúa o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Dirixido ás familias e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, ofrece horarios e prezos accesibles. No marco do proxecto “RFG Solidaria”, cada unha destas 5 actuacións destinarase a dar visibilidade a asociacións e ONGs que traballan na cidade e no resto da comunidade.

Unha ópera abrirá a Temporada

A temporada comezará o 27 de setembro coa versión concerto da ópera O holandés errante de R. Wagner, un proxecto en coprodución coa Asociación de Amigos da Ópera de Vigo e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. O título, dirixido por Paul Daniel, contará coas voces de Maribel Ortega, Eduard Martynyuk, Richard Wiegold, Alexander Krasnov, María Luisa Corbacho e Moisés Marín, todos eles xunto ao Coro da Sinfónica de Galicia. Este concerto repetirase en Vigo o día 29.

En novembro, dentro do Festival Cineuropa, a orquestra poñerá a banda sonora ao filme mudo O gabinete do doutor Caligari de Robert Wiene, baixo a batuta do propio compositor da música, Timothy Brock. O Concerto de Nadal xirará a Ferrol e Ourense, e en xaneiro será a ocasión para desfrutar do tradicional Concerto de Reis, dirixido por Paul Daniel, quen tamén dirixirá á orquestra na Cidade da Cultura no mesmo mes.

A música portuguesa será a protagonista no concerto que a RFG ofrecerá coa extraordinaria fadista Cristina Franco, que contará ademais con Mário Laginha ao piano, Miguel Amaral na guitarra portuguesa e o mestre luso Pedro Neves.

Obras de xoves compositores galegos

Co gallo da  conmemoración do 60 aniversario do falecemento de Andrés Gaos, a RFG fará un encargo moi especial ao compositor Joam Trillo: a orquestración dalgunhas das cancións de Gaos.  Tamén terá lugar a presentación dun dobre CD gravado pola RFG en homenaxe ao compositor ferrolán José Arriola, discípulo de Strauss, con primeiras gravacións mundiais de obras súas, que se apoiará cunha xira de catro concertos nas cidades de Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo.

Por outro lado, a RFG encargará cadansúa obra aos compositores galegos Xabier Mariño e Adrián Saavedra. Seguindo co compromiso coa creación contemporánea, a orquestra estreará en Galicia a obra gañadora do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA 2017, Nocturno Sinfónico, de Marcos Fernández-Barrero.

Grandes batutas e solistas de renome internacional

Á fronte da orquestra poranse grandes mestres nacionais e internacionais. Debutarán coa RFG Jan Wierzba, Erik Nielsen, Baldur Brönnimann, Wayne Marshall, ademais da directora coreana Eun Sun Kim -que ofrecerá un programa con dúas obras de mulleres dos séculos XVIII e XIX- e o mestre catalán Francesc Prat; repetirán visita Antoni Wit e Manuel Hernández-Silva, xunto ao principal director convidado da orquestra, Jonathan Webb.

Respecto aos solistas convidados, algúns dos cales levarán tamén a batuta, destacan figuras recoñecidas como Enrico Onofri, Nicholas Angelich, Isabel Villanueva, Ye-Eun Choi, Wayne Marshall, Berna Perles, Svetlin Roussev, Kun-Woo-Paik o Nicolas Altstaedt. En decembro, o magnífico clarinetista finlandés Kari Kriikku interpretará o Concerto para clarinete que o compositor Magnus Lindberg escribiu para el nunha xira de 3 concertos.

Continuarase coa experiencia CONvers@ndo con, unha cita antes dos concertos, que pretende un achegamento entre os directores e solistas e o público.

Maior presenza da RFG en Galicia

 

A directora técnica da RFG falou da “descentralización” da orquestra, en referencia ao esforzo por levar a súa música a toda Galicia porque “estamos comprometidos coa cidade pero tamén co resto da comunidade, coa nosa música e cos nosos compositores”. Nesta liña, a agrupación ofrecerá 23 concertos fóra de Santiago. Así, mantén o seu compromiso territorial e a súa vocación de servizo público, artellando musicalmente Galicia enteira. Continúa a súa temporada de concertos estable en Vigo con 10 actuacións no Teatro Afundación; ofrecerá 4 concertos no Auditorio de Ferrol, 2 no Palacio da Ópera da Coruña,  2 no Teatro Principal de Ourense, outros 2 no Círculo das Artes de Lugo e 1 en Pontevedra.

A temporada inclúe un concerto en outubro no Auditorio Nacional de Música de Madrid, onde a orquestra inaugurará o “XLVI Ciclo de Grandes Autores e Intérpretes de la Música”, promovido polo Centro Superior de Investigación y Promoción de la Música da Universidad Autónoma de Madrid.