Compostela Cultura abre nova temporada escénica coa estrea absoluta de ‘Guerra’

 

A programación teatral de Compostela Cultura de 2025 presta especial atención a unha das compañías máis lonxevas da escena galega. O Foco Teatro do Noroeste bota a andar a próxima semana coa estrea absoluta de Guerra, o seu espectáculo máis recente. Haberá dous pases da peza, o venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ambos ás 20.30 horas no Teatro Principal. Tras o pase do sábado haberá una posfunción con integrantes do equipo, para que as persoas asistentes poidan coñecer de primeira man o proceso creativo que fixo posible este novo traballo da compañía. 

Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, a obra transporta o público a un edificio teatral totalmente destruído polo bombardeo dunha guerra desatada no mesmo corazón de Europa, onde comezan a aparecer as personaxes das obras do Teatro Universal que nel foran representadas ao longo do tempo, todas elas encarnadas en dous actores e catro actrices: Luma Gómez, Miguel Pernas, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. As incontables referencias ás guerras no teatro europeo, desde Shakespeare até Lorca, enchen a escena de evocadoras secuencias de caos e destrución que moven á reflexión sobre o conflito e sobre as súas representacións teatrais. 

Con música de de Bernardo Martínez, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e produción de Eva Alonso, o espectáculo é unha traxedia aderezada de comedia e ironía para dulcificar as arestas tráxicas. En palabras do dramaturgo e director Eduardo Alonso, a obra “trata sobre a guerra, sobre todas as guerras, as pasadas, as presentes e as futuras, as guerras das nacións e os pobos, as guerras das tribos e as guerras das persoas, dos seres humanos, as guerras exteriores pero tamén as internas. Mais a peza toma esta ‘guerra’ de xeito teatral, como as guerras das obras de Shakespeare, ou de Bertolt Brecht, ou Lope de Vega, ou Calderón, ou as carlistas de Valle Inclán, ou as imaxinadas escenicamente por Lorca”. 

As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e na Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas). En caso de existir aínda butacas dispoñibles, tamén poderán mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal o venres e o sábado dende as 19.30 horas. 

Foco Teatro do Noroeste 
A programación escénica de Compostela Cultura distingue en 2025 a traxectoria de Teatro do Noroeste, compañía á que dedica un dos seus tres focos temáticos. Alén das dúas representación de Guerra no mes de xaneiro, a axenda teatral do semestre inclúe en maio un pase de Gloria Nacional, tamén dirixida por Eduardo Alonso e coas interpretacións de Luma Gómez, Miguel Pernas e Manuela Varela. As entradas para o espectáculo, programado o 24 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal, poden ser adquiridas xa na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 35 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estas pezas destacan textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Pierre-Augustin Caron de Beaumarchais; e outros máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camus; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros. 


 

Camino a la escuela, de Campi qui pugui
A axenda semanal garda tamén lugar para o primeiro dos espectáculos do ano dirixidos ao público familiar. O sábado 18 de xaneiro, ás 18.00 horas, a compañía catalá Campi qui pugui presenta no Auditorio de Galicia Camino a la escuela, a extraordinaria historia de tres irmás que se enfrontan diariamente a obstáculos e adversidades para chegar ao colexio. Tres nenas que viven nun país calquera, nun lugar igual de afastado que próximo, que non falan ningún idioma concreto e, ao mesmo tempo, fálanos todos. Trátase dun espectáculo suxestivo e visual, recomendado para a rapaza de 5 anos en diante, que se inspira na historia real de nenas e nenos de calquera lugar. 

Dirixido por Rosa Díaz, o espectáculo forma parte do Foco Creadoras de Escena de Compostela Cultura e conta coas interpretacións de Aitana Giralt, Alicia Buil, Cristina García, Erik Varea e Jordi Pedrós. Candidato aos Premios Max en 2021, o traballo foi distinguido como ‘Mellor espectáculo familiar’ nos Premios da Crítica de Cataluña e como ‘Mellor posta en escena’ nos Premios Fetén de 2021. 

As entradas poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e na Zona C e tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Auditorio de Galicia o día do espectáculo a partir das 17.00 horas.