‘Fado Camões’: o xenio da poesía portuguesa na emotiva voz de Lina_
A cantora lusa Lina Rodrigues viste de música os versos de Camões nun concerto o vindeiro sábado 1 de febreiro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia
A expresividade vocal da fadista arróupase neste traballo dos sons de piano, sintetizadores, violín, percusión electrónica e guitarra portuguesa
As entradas para o concerto poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C
Compostela Cultura bota a andar en febreiro o ciclo Música C coa presentación en concerto do novo traballo da fadista Lina Rodrigues. O sábado día 1, ás 20.30 horas, a artista portuguesa levará ao escenario do Auditorio de Galicia Fado Camões, unha aproximación musical á poesía dun dos grandes autores da literatura universal, que revisa os versos do poeta e o propio xénero do fado, na converxencia da conmovedora voz da cantora cos son do piano, os sintetizadores, o violín con efectos, a percusión electrónica e a inconfundible guitarra portuguesa.
A fadista xa formara parte da programación musical de Compostela Cultura en 2020, coa interpretación no Teatro Principal dun proxecto en colaboración con Raül Refree no que produtor e artista achegaban novas sonoridades ao repertorio de Amália Rodrigues. Con Fado Camões, Lina_ mantén esa aposta pola mestura de tradición e vangarda, agora acompañada do músico e produtor británico Justin Adams, coñecido polas súas colaboracións con Brian Eno ou Sinead O’Connor. O novo disco conta con excepcionais arranxos de John Baggott —habitual colaborador de Massive Attack ou Portishead—, co son da guitarra portuguesa de Pedro Viana —quen ten actuado en repetidas ocasións con Ana Moura, Carminho, ou Mariza, entre outras grandes do fado— e co piano acústico, sintetizadores e violín de Ianina Khemelik, alén doutras participacións como a de Rodrigo Cuevas no tema ‘O que temo e o que desejo’.
Como resultado, Lina_ presenta un traballo de grande expresión sensorial, palpitante e cheo de vida, unha música en constante evolución que por momentos sitúa o público na melancolía e a quietude, pero que axiña o contaxia da súa celebración da existencia. En palabras do tamén poeta e ensaísta, Nuno Júdice: “Só unha voz perfecta pode cantar un poema perfecto. A forma en que se combinan fainos oír, máis aló do tempo, os instrumentos e as palabras, o canto da poesía mesma. É este milagre o que temos na voz de Lina e na recreación musical que atopamos nestas cancións. Máis que un fado, máis que unha identidade portuguesa, é a volta a ese espírito ibérico que caracterizou Portugal ata o século XVII e que agora vemos renacer, coa pureza libre de prexuízos dunha interpretación na que o portugués e o galego se unen en total harmonía, como na orixe galego-portuguesa das dúas linguas, hoxe autónomas”.
Recentemente distinguido como mellor álbum europeo nos Transglobal World Music Charts (TWMC), Fado Camões acadou tamén recoñecementos da crítica alemá e da inglesa e levou a artista por toda Europa nunha xira de máis de 40 concertos que agora chega a Compostela.
As entradas para o concerto no Auditorio de Galicia teñen un prezo de 14 € (cos descontos do 50% habituais das programacións de Compostela Cultura) e poden ser adquiridas en compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (Preguntoiro, 1), aberto de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. De existir aínda localidades dispoñibles, tamén se poderán mercar no propio Auditorio o día do concerto dende unha hora antes do seu inicio.