Nerea Cordeiro presenta Sobre debuxar, fiar e habitar, un dos traballos seleccionados na convocatoria de proxectos de intervención artística para a Zona C.
A partir dunha linguaxe propia e característica, a creadora investiga como a liña trazada no papel pasa a ocupar o espazo coa incorporación do fío que o cruza, procurando deste modo a converxencia entre o debuxo, a escultura e a arquitectura. Unha praxe que tamén desenvolve na tese de doutoramento que está a realizar e na que indaga sobre a interconexión que pode darse entre o lugar e a arte. Este novo traballo que pasa a habitar a Zona C serve de continuidade a dous proxectos anteriores da autora, Cidades telaraña (2022-2023) e Figuras de cordas (2023-).
Nas súas obras Nerea Cordeiro amosa un interese particular por explorar todas as posibilidades do espazo, entendido como o lugar físico no que nos desenvolvemos como individuos. Tecer e morar, como fiar e habitar, son os dous infinitivos que enche de significado procurando dar resposta a estas inquedanzas constantes nos seus traballos. Coa súa propostas, a artista tece unha disposición de arañeira que xera unha linguaxe visual e textual, e mora no taller e no espazo expositivo.
En Sobre debuxar, fiar e habitar continúa o site specific que realizou no ano 2022 no centro cultural Matadero de Madrid. Unha investigación sobre a memoria, a disposición en rede e o lugar de traballo e creación á que lle dá continuidade agora no primeiro e segundo andar da Zona C, dispoñendo e ocupando o espazo con pezas que deben ter en conta o condicionante de tratarse dun edificio catalogado BIC (Ben de Interese Cultural).
Site specific de Nerea Cordeiro
venres 31 de xaneiro | de 16:00 a 19:00 h | 3º andar |
O libro que Nerea Cordeiro coloca na entrada da Zona C leva interpelando aos espectadores desde o día da inauguración cunha pregunta : Hai algo que che preocupe?
Esta é a pregunta que veñen de responder as persoas que se teñen achegado ao espazo.
Partindo deste material, o terceiro andar da Zona C será o lugar que Nerea habitará durante a tarde do venres e no que debuxará e fiará. As persoas que estén interesadas en asistir poden entrar e sair en calquera momento.