Violonchelo: Millán Abeledo
Danza e coreografía: Nuria Sotelo
Composición: Manuel López Jorge
SUIT(E)
Sarabanda e Minueto da Suite núm. 1 en Sol maior BWV 1007 (1720)
J.S. Bach (1685-1750)
Preludio-Fantasía da Suite para violonchelo (1926)
G. Cassadó (1897-1966)
Diálogo da Sonata para violonchelo (1948 -1953)
G. Ligeti (1923-2006)
Marcia da Suite núm. 1 op. 72 (1964)
B. Britten (1913-1976)
Árnyék de Signs, Games and Messages (1961-)
G. Kurtág (1926)
Strophe núm. 1 de Trois Strophes sur le mom de Sacher (1976)
H. Dutilleux (1916-2013)
Título por determinar (2025)
Estrea absoluta
M. López Jorge (1984)
Suit(e) é un proxecto que pretende facer convivir dúas disciplinas artísticas, a música e a danza, a través da relación escénica entre o violonchelo e unha bailarina, unha simbiose perfecta ao longo da historia. Ideas e emocións expresadas no ritmo, a melodía, a harmonía e a cor da música e na gravidade, a flexibilidade, a velocidade e o xesto do corpo. Partindo da arquitectura das danzas, Zarabanda e Minueto da Suite núm. 1 para violonchelo de Johann Sebastian Bach, establécese un diálogo entre compositores do século XX e XXI como Cassadó, Ligeti, Kurtág, Britten, Dutilleux ou mesmo o compostelán Manuel López Jorge. Unha viaxe sonora na que o espectador sente a presenza da persoa no espazo; solemne, vitalista, mundano, a veces surrealista, un espectáculo construído desde a música de Bach, unha invitación a moverse con formas clásicas de danza, a alemanda, a zarabanda,
o minueto... modelando o espazo e o tempo nunha aposta pola beleza, polo desexo de conxugala coa harmonía. E sen esquecer que Bach é practicamente sinónimo de contrapunto, coa súa asombrosa imaxinación e habilidade en case todos os contextos musicais posibles.
Baixo a influencia de Bach, compón Gaspar Cassadó a Suite para violonchelo só na que cada unha das partes está dedicada a unha zona xeográfica española. O Preludio, inspirado en Castela e o Quixote, é unha mestura de influencias: tanto o primeiro nome do movemento como o inicio con aire de zarabanda fan referencia ás suites de Bach, mentres que o segundo nome indica o estilo compositivo, típico da música francesa do século XX e cuxa característica máis clara nesta peza é a forma espello.
Unha conversa viva entre disciplinas e con compositores doutras estéticas e outros períodos, como o que establece Ligeti no Diálogo da súa Sonata, un movemento que el mesmo describiu «É un diálogo. Porque é como dúas persoas, un home e unha muller, conversando [...]. Tentei nesta peza escribir unha bela melodía, cun perfil típico húngaro, pero non una canción popular...». Melodía modal, posiblemente inspirada na tradición da música folclórica de Europa do Leste, presente no movemento con distintas alteracións, un testemuño do adestramento de contrapunto que tivo Ligeti con Ferenc Farkas.
Ligeti e Kurtág foron compañeiros de estudos en Budapest, e ambos comparten unha capacidade de asombro polo que a maioría daban por sentado. Kurtág exiliouse a finais dos anos 50 en París onde estudou con Messiaen e Milhaud e coñeceu fondamente a estética de Schoenberg, Bartok ou Stravinski, a brevidade supercondensada das obras de Anton Webern, a nova música que Ligeti compoñía e os experimentos sónicos de Stockhausen. Mais tamén se sente atraído pola música de Schumann e Bach, compositores que asoman entre as pantasmas artísticas dalgunhas das súas músicas capaces de condensar un fondo contido nunhas poucas notas, de reducilo á esencia da expresión musical, logrando una gran concentración expresiva no mínimo material.
Árnyék (Sombras) pertence á obra Signs, Games and Messages, unha colección de miniaturas que o compositor comezou a escribir hai décadas e segue en construción; moitas foron escritas, dedicadas ou inspiradas por persoas concretas, ás veces impertinentes, tristes, serenas, alegres, pensativas ou melancólicas.
Henri Dutilleux foi un dos compositores aos que Mstislav Rostropovich encargou, para o 70 aniversario de Paul Sacher, unha peza para violonchelo: Strophe, unha breve suite en tres movementos. Strophe é un elemento estrutural cuxo principio se expresa mediante unha idea de retorno, de rima, confiada ás seis notas S.A.C.H.E.R. (segundo a notación xermánica), vínculos entre cada estrofa e elemento referencial, rima que encontra o seu eco en procesos de espello contrapuntístico ou nun xogo de resonancia con elementos temporais resaltados pola súa dinámica.
As suites de Bach proporcionaron un modelo de composición para as tres suites para violonchelo de Britten, pero a inspiración foi o carácter e a interpretación dominante de Rostropovich con quen o compositor estableceu unha
rica e frutífera amizade musical, fonte directa de cinco obras perdurables. Así, no inverno de 1964, Britten comezou a primeira das súas tres Suites para violonchelo —cheas das técnicas e texturas desenvolvidas nas suites de Bach— que o propio Rostropovich estreou no Festival de Aldeburgh de 1965. Como as do compositor alemán, a Suite núm. 1 está escrita en seis movementos básicos, máis en forma de pezas que de danzas puras. Un deses movementos, Marcia, fai referencia á guitarra española, á tradición de obras que imitan as procesións dos días festivos. O violonchelo suxire algo así como o achegamento dun pínfano e un corpo de tambores, pasaxes en harmónicos que alternan con golpes rítmicos sobre cordas abertas coa madeira do arco, facéndose máis fortes a medida que se achega o desfile, para esvaecerse a medida que pasa.
Manuel López Jorge escribe a peza que se presenta neste concerto, cunha estrutura formal distribuída nunha serie de micromovementos e microdanzas, enlazados sen pausa. Eses micromovementos fluirán inspirados nas sorprendentes características dalgunhas das partículas elementais descubertas actualmente no campo da física. Estilisticamente, a obra utiliza a máxima paleta tímbrica posible para violonchelo, na procura dos seus límites sonoros pero sempre ao servizo dunha narrativa musical expresiva, comunicativa e sintacticamente coherente.