MÚSICA PRÁCTICA
Violín: Regina Laza
Violonchelo: Manuel Lorenzo
Clarinete: Antonio Suárez Saavedra
Frauta: Joan Ibáñez Briz
Piano: Fernando Buide
Percusión: Alejandro Sanz
PASOS DESDE O ATLÁNTICO
Pasos (2017)
Fernando Buide (1980)
South Catalina (2014)
Christopher Cerrone (1984)
Polaris (2021)
Mercedes Zavala (1963)
A voz no berce (2021)
Carme Rodríguez (1996)
Toward/From the East/West. In memoriam Toru Takemitsu (2010)
Eduardo Soutullo (1968)
My Twentieth Century (2002)
Martin Bresnick (1946)
O programa abarca diversos compositores que desenvolven a súa carreira a ambos os lados do Atlántico. A panorámica de obras axuda a comprender as diversas tendencias que conforman a creación musical no cambio de século. O estadounidense Cerrone foi discípulo de Bresnick en Yale, ao igual que o galego Fernando Buide. Eduardo Soutullo, recentemente galardoado co premio Nacional de Música, pertence á xeración de compositores galegos inmediatamente anterior a Buide. Mercedes Zavala é unha das creadoras máis activas en España nas últimas décadas e a galega Carmen Rodríguez, cunha extensa experiencia compositiva e gran dominio da orquestración, crea música na que conviven a composición contemporánea e a música de cinema.
Pasos, de Buide, foi estreada en 2017 no Festival de Yale Norfolk, interpretada por Lisa Moore e o Yale Norfolk New Music Ensemble baixo a dirección de Julian Pellicano. Escrita para sexteto, a obra desenvólvese a partir de diferentes ostinatos que, ao lonxe, evocan o son das campás que se percibe ao camiñar por unha cidade.
South Catalina inspírase no traballo Swarm, do colectivo de artistas londiniense Random International, unha escultura interactiva que responde aos pulos sonoros cunha explosión de luces asíncronas. Cando Cerrone viu a obra
na entrada da Frenkel Art Foundation, soubo de inmediato que escribiría unha peza na que os ataques agudos e fortes no piano e a percusión inspirarían unha descarga de xestos bravos e improvisados por parte do resto do conxunto. O compositor viviu no outono de 2013 nos Ánxeles, preparándose para a estrea da súa ópera, Cidades Invisibles e sorprendeuno a asombrosa luz de California, incriblemente brillante, algo que pode resultar estupendo pero tamén opresivamente fóra de sincronía co estado de ánimo de cada quen. South Catalina baséase en ambas sensacións co seu optimismo impulsor pero tamén con seu incesante avance. O título está extraído da rúa do barrio Koreatown dos Ánxeles onde vivía Cerrone.
Polaris de Zavala, para «toy piano» (ou celesta) e cuarteto de frauta, clarinete, violín e violonchelo, está escrita a petición de Antonietta Loffredo e o Appasionato Ensemble, dentro do proxecto Constellations e está dedicada a Luis de Pablo. O título alude tanto ao procedemento compositivo empregado, como ao papel que as ensinanzas de Luis de Pablo tiveron na formación musical e cultural de Zavala, quen traballa os materiais musicais, moi reducidos, apelando a unha memoria fragmentada no oínte, para que os reconstrúa segundo se posicionen, agrupen e interactúen, transformando continuamente a perspectiva da súa escoita. A experiencia de Carme Rodríguez na composición de música contemporánea e para medios audiovisuais axuda a crear unha gran versatilidade que achega texturas harmónicas detallistas, sen perder de vista a emoción como eixo vertebrador dunha música ecléctica, entre o pasado e o presente. Así, a propia Carme que cando compón quere ser ela mesma, inspirándose e tendo en conta o tradicional e o popular, dentro do seu estilo e das súa sonoridades pero sen se desprender nunca da raíz.
A voz do berce baseouna nunha nana que lle cantaba a súa nai cando era pequena, un canto popular cuxas melodías desenvolveu para convertelas noutra cousa. Segundo Carme, iso dálle a posibilidade de ver de cantos xeitos se pode dicir unha mesma cousa, cun pequeno detalle e modificación, sen perder de vista o peso da melodía tradicional.
Toward/from the east/west. In Memoriam Toru Takemitsu foi un encargo do Festival Vía Stellae no que foi estreada polo Ensemble XXI. Segundo o autor, o título da obra evoca, por unha parte, os nomes dalgunhas obras de Takemitsu e, por outra, parafrasea o título dunha das máis fermosas obras non só do catálogo do compositor nipón senón da música do século XX: Toward the sea.
My Twentieth Century está composto sobre un poema de Tom Andrews, rematado pouco antes da morte do poeta, co que compartiu estancia na Academia Americana de Roma e a quen está dedicada a obra. A peza é herdeira de Pierrot Lunaire de Arnold Schoenberg, sen cantante e nunha linguaxe máis musical e poética. Xuntos artellaron integrar o texto na arquitectura musical da composición facendo que os intérpretes, de cando en vez, deixen o seu papel como músicos e reciten frases do poema ao público, e entre eles, como se estiveran nunha conversa intensificada.