TEATRO XTREMO
Música e dirección musical: David del Puerto
Texto: Alfonso Zurro
Dirección de escena e espazo escénico: Ricardo Campelo Parabavides
Axudante de dirección: Ruth Rubio
Iluminación: Luiggi Falcone
Vestiario: Rhina
Audiovisuais: Natalia Moreno
Produción: Ruth González
Soprano: Ruth González
Mezzosoprano: Blanca Valido
Viola: Ana María Alonso
Guitarra eléctrica: David del Puerto
A SOLAS CON MARILYN
Ópera de cámara para soprano, mezzosoprano, viola eléctrica, guitarra eléctrica e paisaxes sonoras. Residencia de creación no Teatro Auditorio San Lorenzo de El Escorial, Madrid. Estrea o 12 de xullo de 2024 no I Festival de ópera de cámara de la Comunidad de Madrid. Unha coprodución de Teatro Xtremo e Ópera de Tenerife co apoio do Festival de Ópera de Cámara da Comunidad de Madrid, Ópera en Minúscula e Proyecto Verdi.
A solas con Marilyn parte dun suceso bastante habitual: a separación dunha parella, circunstancia que adoita desembocar nunha gran variedade de vivencias e tormentas emocionais para os implicados que vivirán, cada un á súa maneira as circunstancias dese final. A solas con Marilyn móvese entre mitoloxías. Una clásica que chega a través da antiga Grecia e o seu teatro e, desde aquelas épocas remotas aínda nos continúa visitando, sorprendéndonos, deixándonos atónitos no desconcerto e estupor máis absolutos. A contemporánea xorde desde a forza das imaxes que crean esas outras mitoloxías ou mitomanías actuais.
O libreto, adaptación de Alfonso Zurro da súa obra orixinal, suxire ao compositor todas as posibilidades da voz e a música escénica: os personaxes teñen espazo para o só e o dúo, o monólogo interior e o diálogo, a narración e incluso o conto, a fantasía, o lamento ou a desolación máis terrible, traducidos nunha partitura que comprende canto lírico amplo —do murmurio ao pranto—, canción íntima, recitativo, melólogo, texturas instrumentais, ostinatos obsesivos, paisaxes sonoras, materiais que se cruzan nun mundo que oscila entre a flexibilidade musical da interpretación en vivo e o rigor implacable da electrónica pregravada, e que quere axeitarse a unha palabra escrita e unha proposta escénica intensamente inspiradoras.
A música de David del Puerto, coñecido pola súa capacidade para hibridar estilos contemporáneos con técnicas clásicas, é un elemento chave na representación da ópera. A súa composición reflicte fielmente os altibaixos emocionais da protagonista, desde a angustia ata a introspección. A solas con Marilyn é unha ópera de cámara, composta para Ela (soprano) e Lina (mezzosoprano) que cantan o seu drama sobre o tapiz tecido por unha viola e unha guitarra eléctricas, ás que se une un mundo invisible de sons electrónicos gravados, que aparece periodicamente como unha orquestra irreal. Os dous instrumentos en vivo manexan, á súa vez, procesadores de son que os estenden e converten nun conxunto politímbrico que tende pontes entre a voz presente, humana, e o mundo imaxinario, virtual da electrónica.
A obra desenvólvese en 31 escenas breves que se agrupan en 6 bloques, e está chea de referencias musicais cruzadas que emparentan temas e momentos, algunhas literais, moi explícitas e outras máis escondidas, trazando simetrías que nos devolven finalmente á breve paisaxe electrónica do inicio, un ambiente dunha paradoxal serenidade que nace da nada e se perde na nada. A solas con Marilyn non é só unha ópera sobre a traizón e a autodestrución, senón tamén unha visión de como os mitos contemporáneos inflúen sobre a nosa percepción social da realidade.