HUMOR LÍQUIDO · XAQUÍN MARÍN

DATOS BÁSICOS

Humor Líquido. Xaquín Marín recala no Auditorio de Galicia para amosar unha coidada selección de pezas que abranguen os máis de sesenta anos de profesión do humorista gráfico, pintor, muralista, caricaturista e artista nado en Fene en 1943.

Comisariada por Xandre Marín, esté é un proxecto no que a federación de asociacións Galiza Cultura —que reúne máis dunha trintena de colectivos culturais— vén traballando desde 2022.

A escolma de imaxes, que Xandre completa e singulariza para o Auditorio, está composta por ao redor de 150 viñetas, debuxos e cadros e traza un percorrido profesional e vital que nos traslada directamente á historia colectiva recente do país amosando o compromiso inequívoco do creador co pobo galego ao longo destas décadas.

Un percorrido polo universo creativo deste prolífico autor no que nos atoparemos con personaxes como Gaspariño, os pés, Isolino, o cacique don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou os xinetes, tan característicos e definitorios e que durante toda a súa carreira tiveron gran protagonismo no labor descritivo das problemáticas sociais.

Xaquín Marín non esquiva a denuncia e as realidades sociais amosando a través dos seus traballos a situación da lingua, a reconversión naval, a explotación laboral, as loitas ecolóxicas, ou o caciquismo, retratadas desde a retranca, o humor e a ironía.

Unha mostra, homenaxe á carreira dun artista, estruturada en bloques temáticos (pintura, banda deseñada, personaxes, viñetas, cartelería, humor gráfico e arte) que permitirán aos visitantes visitar polo miúdo a fecunda carreira deste imprescindible autor.

Humor líquido galego comezou a súa andaina na Fundación Luis Seoane da Coruña viaxando logo ao Vello Cárcere de Lugo.

Imaxe: Xaquín Marín, Represa

 

Entradas: 

O día da inauguración a sala de exposicións abre ás 20.00h

A inauguración é aberta a todo o público


Horario Sala Isaac Díaz Pardo

Todos os días de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h

[os días de concerto a sala de exposicións pecha ás 19.00 h]

Entrada de balde

 

Funcións: 
Venres, 18 Outubro, 2024 a Luns, 6 Xaneiro, 2025
Auditorio de Galicia