O coreógrafo e investigador Javier Martín conduce SOMA, un laboratorio teórico-práctico arredor das artes e ciencias do movemento que busca achegar o público ao proceso de creación e posta en escena dun espectáculo de danza.
A peza 'O punto impropio [A/S/V]', que Martín presenta no Teatro Principal o día 3 de maio, serve de alicerce para sesións de traballo que transcorrerán pola experimentación dunha serie de conceptos, técnicas e exercicios para acompañar e afinar a percepción, para comprender as relacións entre as sensacións físicas e as linguaxes que utilizamos, entre o corpo, a súa materialidade, e os procesos que median na conciencia que temos del.
Nelas proporanse accións sinxelas -manipulacións físicas, traballo con imaxes, meditacións para situar a atención, análise da presenza...- que conectan coa motilidade inherente ao corpo, o estudo dos seus sistemas dinámicos e os fulcros do patrón tensional coas súas lóxicas e inercias; realizarase diferentes mapeados do corpo e a transmisión de conceptos e técnicas para o traballo coas texturas de movemento, activaranse pequenas improvisacións situadas, e debates para asumir o quefacer crítico por parte do grupo. A práctica busca así axudar a asumir o movemento como paradigma cognitivo.
Que tipo de materialidade posúe en por si o movemento —os graos de tremor ou texturas— e como operamos a súa sensibilidade (cinestesia)? Como nola axenciamos para practicar e pensar co movemento? E a partir de aquí, que obxectos/figuras/métodos empregamos para achegarnos ao movemento,
coñecelo e articulalo? Que realidades do coñecemento, do social ou o cultural se poden complexizar a través das disposicións do movemento?
Para dar resposta a estas cuestións, organízanse dúas sesións teórico prácticas para 30 persoas cada unha con acceso de balde previa inscrición. Desenvolveranse o día 2 de maio en horario de mañá (de 11 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 19 horas). Son de especial interese para intérpretes de artes escénicas, estudantes de Belas Artes, Comunicación, Historia da Arte, Filoloxía e Filosofía, pero están abertas a calquera persoa interesada no tecido dun espectáculo creativo e non son precisos coñecementos previos de danza.
Para participar, cómpre cumprimentar o formulario de inscrición ata o 29 de abril. As prazas existentes en ambos os grupos iranse completando por estrita orde de rexistro e a reserva da praza confirmarase a través de correo electrónico.
Inscríbete!