A exposición das obras finalistas do Décimo terceiro premio Auditorio de Galicia para artistas noveis chega á súa recta final propoñendo ao publico encontros e actividades especiais coas persoas creadoras que foron premiadas nesta edición: Sergio Marey (1º Premio), Laure Mojo (2º Premio) e Breogán Xague (3º Premio).
Todas elas teran lugar ás 19 horas na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia diante de cada unha das pezas premiadas e son de acceso libre sen necesidade de reserva. En paralelo, a área de exposicións do Auditorio programa un amplo programa de visitas guiadas nestes días que son tamén de balde, pero que si requiren inscrición previa. Consulta as datas e horarios dispoñibles e inscríbete nas do teu interese nesta ligazón.
VENRES 16 | 19.00 h | Performance de BREOGÁN XAGUE
A obra Fun abalar a pedra que está no medio do mar, valeulle ao creador Breogán Xaque o terceiro premio desta edición do certame. O venres 16 ás 19 horas, este artista realizará no Auditorio unha performance dunha duración aproximada de 5 minutos tras a que manterá un encontro co público.
" (...) Quixen reclamar un vencello con aquilo que eu pensaba que era galego. Na miña práctica apoieime en obras colectivas que foron previas a min, que son unha parte en si mesma das aldeas de miña nai e de meu pai, coma se fosen unha pedra ou unha fonte. Cancións populares, tradicións ou obxectos na paisaxe. Mais alí topeime con outro buraco entre esas expresións galegas e as representacións que eu tiña a man para achegarme a elas de novo. Un espazo que ben poderia estar tamén na lembranza de escoitar a un ser querido empregando unha palabra que eu non entendía, ou no esforzo de pasar a falar galego cos amigos cos que antes só falaba en castelán. Onde agardaba ter algo fixo sobre o que apoiarme -unha identidade cultural que repetir- atopeime con algo máis continxente, que está sendo constantemente roto e reconstruído; que máis ca unha imaxe é un evento. Vin a miña propia posición exposta por ese descubrimento e, asumindo esa vulnerabilidade, pensei: E se miro dentro do buraco?"
MARTES 20 | 19.00 h | Coloquio con LAURE MOJO
Laure Mojo fixose co 2º premio desta edición polo traballo 'Historia da nosa arte'. O martes 20 conversará coas persoas visitantes sobre o discurso sobre o que se asenta esta peza e o seu proceso creativo.
"O interese pola arte vai unido a unha educación privilexiada? Cales son os obxetos? Cales son as narrativas? A quen se dirixe a colección? Por que se fala tan pouco dos dereitos culturais? Dende ben pequena veño dándome conta de que impera unha especie de lei invisible excluinte cunha parte da poboación por falta de educación e cultura. O dereito a participar; son realmente os museos inclusivos? Interésame a relación entre pintura e fotografía. Introduzo imaxes do meu pai e a intimidade familiar nalgunhas obras pictóricas, facendo converxer así dúas realidades distintas, ficción e non ficción, fusionándose a través da cor e dando lugar a un espazo deconstruido e dividido en catro partes diferenciadas: ficción (pintura), realidade (fotografada), realidade oculta (o que non se ve pero sabemos que está presente na acción principal do cadro) e marco contextual, que nos sitúa dentro ou fóra."
MÉRCORES 21 | 19.00 h | Coloquio con SERGIO MAREY
Sergio Marey, gañador do primeiro premio da décimo terceira edicion do certame, conversará co público asistente sobre a sua traxectoria creadora e sobre o traballo que deu lugar á peza 'Cruceiro a Santa Librada e demais martires disidentes'.
"Os crimes LGBTIQfóbicos e as violencias contra o colectivo LGBTIQA+ aumentan día tras día, ano tras ano. Como persoa non binaria que pertence a este colectivo, decidín levantar un cruceiro para lembrar a todas esas vítimas. Os cruceiros son representacións da arte popular a través dos cales os galegos representaban diferentes fitos como mortes violentas, lugares de culto pagáns, agradecemento... Simbolizan feitos de carácter cristián ou non, mais utilizan a relixiosidade como expresión e atopan nela maneiras de subverter os dogmas impostos. Deste mesmo xeito tomo a relixión e os seus elementos para representar o colectivo, pois dentro dela existen diversas persoas santificadas e/ou veneradas con sexualidades e xéneros diversos"