CENTENARIO SEMPRÚN: MESA-DEBATE E PROXECCIÓN DE AS DÚAS MEMORIAS

DATOS BÁSICOS

CINEUROPA · CENTENARIO JORGE SEMPRÚN

MESA REDONDA. A FIGURA HUMANA, POLÍTICA E CREATIVA, COMO ESCRITOR E GUIONISTA DE SEMPRÚN

No centenario do nacemento de Semprún, a 37ª edición de Cineuropa tece unha programación especial de estudo e homenaxe á súa figura e á súa obra que se completa cun faladoiro para convidarnos a reflexionar sobre a pegada deste autor esencial da escena cinematográfica, literaria e política. 

Da man de Carmen Claudín, unha das personalidades máis próximas ao escritor e guonista ábrese ao público una mesa redonda na que participan tamén o programador cultural e escritor cinematográfico José Manuel Sande e o escritor e director de Cineuropa José Luis Losa.

SEMPRÚN CREADOR NA LITERATURA E O CINEMA. PROXECCIÓN DO FILME "AS DÙAS MEMORIAS" E COLOQUIO

A ollada de Cineuropaás múltiples facetas deste autor capital para entender o século XX, complétase con este coloquio que a compaña a proxección de As dúas memorias.. O único filme dirixido por Jorge Semprún, é unha obra seminal para explicar os anos da oposición política ao tardofranquismo e os que foron os primeiros pasos da Transición. Costa-Gavras foi narrador coa súa voz en off deste filme no que, a partir dunha estrutura de entrevistas de ningún xeito ortodoxa ou previsible – o mesmo Semprún parece deixar que figuras tan esenciais na súa traxectoria vital como Santiago Carrillo se apoderen do plano, entren e saian del, xurdan e desaparezan como seres de sombra –profesión de clandestinos– e dean carta de natureza á realidade de que a arquicoñecida ruptura de Semprún co Partido Comunista Español coñeceu unha tregua á que Carrillo se referiu en máis dunha ocasión publicamente.

Pola pantalla d’As dúas memorias fai acto de aparición o compañeiro de partida Fernando Claudín, o home que xunto a Semprún e Francesc Vicens coprotagonizou aquela explosiva exclusión do partido en 1964. Non falta tampouco o vello camarada Simón Sánchez Montero, quen compartiu a clandestinidade madrileña con Federico Sánchez e mantivo e preservou a súa seguridade soportando as torturas da Brigada Político Social. Pola rodaxe circularía Federica Montseny, a cara pactista do anarquismo e a primeira muller ministra de España durante a II República. Engádese á lista Wildebaldo Solano, o home que mantivo vivo o estandarte do POUM, aquela formación trotskista que a longa man do KGB liquidou durante a Guerra Civil. E tamén José María Gil-Robles, o Xefe ou o Duce daquela media España de CEDA que miraba, polo menos nominalmente, a Mussolini. Ou Dionisio Ridruejo, esa rara avis que transitou polas
dúas Españas e comezou poñéndolle letra ao Cara al sol como falanxista da primeira hora ou integrando a División Azul e que na súa evolución cara á democracia sufriu primeiro o desterro e logo o cárcere baixo o franquismo.
Xunto a eles, figuras da cultura comprometida (María Casares, José Menese, Juan Goytisolo, André Malraux) neste filme que tanto influíu nas obras posteriores de rescate da memoria como Después de… de Cecilia Bartolomeu, La vieja memoria de Jaime Camino ou Informe General de Pere Portabella.

Carmen Claudín

Alén dunha das protagonistas e testemuñas principais de As dúas memorias, a única película dirixida polo escritor, guionista e político, Carmen Claudín acompañou o seu pai Fernando Claudín e a Jorge Semprún na expulsión do Partido Comunista Español de 1964. Fernando Claudín pode considerarse o pai político de Semprún no PCE e, malia pertencer a unha xeración anterior –a do secretario xeral, Santiago Carrillo– formou con este unha dupla que provocou a maior crise histórica do PCE ao desafiar a liña do partido que confiaba nunha caída inminente do franquismo dende os anos 50.

Carmen Claudín é investigadora sénior asociada de CIDOB (Barcelona Centre for International Affairs), ​​onde foi directora de investigación e directora adxunta durante varios anos. Ten un Mestrado en Filosofía pola Université de la Sorbonne Paris I, onde tamén cursou un posgrao en Historia, especializado en historia rusa e soviética. O seu libro, Lénine et la révolution culturelle (La Haye: Mouton, 1975) foi traducido ao inglés e ao español. Viaxou extensamente por toda a rexión post-soviética e foi observadora electoral da OSCE en Taxikistán, Rusia, Bielorrusia e Ucraína. Forma parte do padroado do Migration Policy Group, Bruxelas. É tamén integrante do Consello Asesor da Oficina Rexional de Cooperación e Paz en Europa (ROCPE) con sede en Viena e do Grupo de Estratexia UE-Rusia, convocado polo European Council on Foreign Relations (ECFR).

 

Duración: 
120 MIN
Entradas: 

ENTRADA DE BALDE previa retirada de convites dende o xoves 16 ás 11 horas

  • compostelacultura.gal
  • Zona C (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Tel.: 981 542 462
  • Teatro Principal: de 16 h ata a hora de inicio do último filme do Teatro Principal ou do Salón Teatro. (Se hai un filme ás 16.00 h ou antes, o despacho de billetes abre media hora antes de que comece). Tel.: 981 542 349

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS E A RETIRADA DE CONVITES

Funcións: 
Sábado, 18 Novembro, 2023
19:00
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)