Caldo presenta “Lugar A Ponte”, o seu novo disco gravado e producido, man a man, con Alberto Cernadas (crnds). Neste novo traballo déixanse levar a través doutras estéticas facendo que os seus temas tomen camiños imprevistos. Cada tema do álbum representa un vínculo, un momento de cambio, unha relación, unha perda, funcionando coma episodios da procura dun fogar que, aos poucos, imos construíndo xunto ás persoas que queremos.
Un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidos en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén.
Ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal, Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu).
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, o trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.
Todos os públicos
.