Do 12 ao 20 de outubro Compostela volverá gozar do Festival Internacional Galicreques. O certame celebra 29 anos de andaina co programa máis extenso dos últimos anos: 60 funcións e 12 espectáculos de estrea da man dunha trintena de compañías procedentes de oito países diferentes.
Sete centros socioculturais da cidade, Santa Marta, A Peregrina, Fontiñas, Bando, Vite, Castiñeiriño e Conxo, converteranse en escenarios deste XXIX Festival Galicreques, como tamén o serán o Teatro Principal, o Salón Teatro, a Fundación SGAE e a Alameda que, un ano máis, acollerá a tradicional Carpa do Galicreques, o gran epicentro do certame.