XORNADAS DE MÚSICA CONTEMPORÁNEA 2024 · CALEIDOSCOPIO

DATOS BÁSICOS

As Xornadas de Música Contemporánea manteñen un ano máis o seu compromiso coa descuberta e a vangarda, coa afán de abrir xanelas e oportunidades de escoita cara ás sonoridades anovadoras e as tendencias emerxentes da música contemporánea, outorgándolles o espazo e valor que merecen como futuros clásicos.

Do 5 ao 20 de xuño e baixo o título xenérico de ‘Caleidoscopio’, convidan a gozar dunha programación que atende á acepción ‘diversa e cambiante’ do termo e, ao tempo, responde á súa significación etimolóxica (do grego kalós "fermoso", eîdos "imaxe" e skopéō "observar"), propiciando a observación das fermosas imaxes musicais contidas nas obras de encargo e estreas propostas pola Joven Orquestra Nacional de España (JONDE), a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ou o Ensemble Liberdade nesta tempada.

Como parte desta experiencia, as XMC’24 gardan un lugar destacado para un novo ‘Encontro da Joven Orquesta Nacional de España’. A formación volve a Compostela para centrar a súa actividade artística e formativa no estudo e preparación do repertorio sinfónico e de cámara cara ao que as e os integrantes da formación traballarán, en ensaios parciais ou seccionais, con docentes das diferentes especialidades instrumentais con recoñecido prestixio na contorna estatal e internacional. Así, do 31 de maio ao 4 de xuño, a JONDE perfilará dous recitais da man do Ensemble Modern, baixo a dirección de Pablo Rus Broseta, e tres proxectos de cámara, coa tutela do Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna, nos que o público da cidade descubrirá catro obras de estrea especificamente encargadas pola orquestra para este Encontro e outras dúas estreas absolutas.

Nesta procura de novos camiños creativos toma tamén parte o Ensemble Liberdade, unha agrupación  encabezada por Xacobe Martínez Antelo que fai converxer a improvisación dirixida e a música contemporánea como campo de experimentación sonora e musical, e a compañía de danza lookathingsdifferent, nun traballo ao tempo delicado e de gran esixencia física que combina imaxes e movemento para desdebuxar roles de xénero e estereotipos na compaña da música orixinal concibida por Nico Casal e intepretada en vivo por este compositor compostelán.

A aposta pola anovación compositiva continúa no programa desenvolvido pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela ao abeiro destas Xornadas. Baixo a batuta do seu titular, David Fiuza, a formación presentará tres estreas absolutas no concerto que servirá de peche ás XMC’24 e que contará coa intervención doutros dous solistas galegos, o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafa Yebra.

Enmarcadas na programación anual de Compostela Cultura, as Xornadas de Música Contemporánea concitan as principais entidades culturais da cidade no tecido dunha proposta que pon en valor a música desenvolvida nos séculos XX e XXI nas contornas galega, estatal e internacional e o diálogo con outras formas artísticas. A edición de 2024 é froito da colaboración do Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, coa Deputación da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Cultura.
 

Entradas: 
  • Consultar a información sobre acceso aos concertos na ficha específica de cada evento
Funcións: 
Mércores, 5 Xuño, 2024 a Xoves, 20 Xuño, 2024
Varios lugares