Durante dúas xornadas –sábado 14 e o domingo 15 de decembro– en 4 sesións (de 11.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.00 h) a sala de exposicións do Auditorio de Galicia acollerá visitas guiadas con obradoiro dirixidas especialmente a nenas e nenos (de 5 até 11 anos) que queiran coñecer un pouco mellor a figura de Xaquín Marín, este imprescindible humorista gráfico, pintor, muralista e caricaturista galego, cuxas viñetas aínda podes ver hoxe en medios de comunicación.
As e os participantes terán a oportunidade de percorrer a exposición a modo de divertida xincana e, ao remate, a escritora e artista Afra Torrado dirixirá o obradoiro 'Historia malfeita' que consistirá na transformación colectiva dunha pequena historia onde o azar e o aleatorio terán un papel fundamental.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
- Dirixido a nenas e nenos de 5 até 11 anos.
- O número máximo de participantes en cada sesión será de 30 persoas.
- A duración da visita será de hora e media, trinta minutos serán para a visita comentada e unha hora para o obradoiro.
- A actividade comezará con puntualidade polo que se agradece chegar uns minutos antes.
- Os grupos péchanse ás 14.00 h do xoves 12 de decembro.
- Recibirás confirmación por correo electrónico cando os grupos se completen.
Afra Torrado (Bamio, Vilagarcía de Arousa, 1997) acaba de recibir o Premio Follas Novas por Fago o que podo (Roberto e Priscilla), unha obra de banda deseñada na que recolle os traballos e debuxos que foi realizando desde 2018 até o pasado ano arredor das súas propias experiencias no profesional, o amor e a vida en xeral.