O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, celebrará entre os días 21 e 23 de febreiro a súa sétima edición para conmemorar o 188º nacemento da escritora, figura poliédrica das nosas letras que ano a ano continúa a se enriquecer a medida que evoluciona a nosa cultura. Neste 2025, o programa amplíase en duración ao se estender a tres días. A xornada inaugural será o venres 21 e consistirá nunha visita guiada á Casa Rosalía co presidente da Fundación Rosalía, o poeta e profesor Anxo Angueira. Xa durante a fin de semana, a actividade concentrarase na compostelá praza de Mazarelos, aínda que tamén se realizarán actuacións no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño.
Baixo o lema Sen pombas nin flores, inspirado nun verso rosaliano tirado de Follas Novas, desenvolverase un amplo programa que inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro.
Visita guiada e feira
O Festival Rosalía brindaralle ao público tres xornadas de actividade. A primeira delas, o venres 21, centrarase na visita guiada á Casa Rosalía conducida por Anxo Angueira. Esta ruta pola Casa da Matanza ten as prazas limitadas e dende Santiago sairá un bus fretado pola organización. A inscrición, gratuíta como o conxunto do programa, realizarase a través desta ligazón: https://i.gal/VisitaRosalia. O bus sairá ás 16.30 de Santiago e a visita guiada principiará ás 17.00 horas.
Xa o sábado, o Festival Rosalía continuará ás 11.00 horas coa apertura da feira, situada na praza de Mazarelos. A Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía formarán parte da feira, que estará aberta o sábado en horario de 11.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas.
Ás 11.30 horas, Os QuinQuilláns darán comezo ao seu Pasarrúas rosaliano, unha ruta teatralizada que percorrerá diferentes lugares da cidade.
Pandereteiras, regueifas e recitais
Ás 12.00 horas do sábado, celebrarase o obradoiro de Regueifa para familias e unha mostra de improvisación, a cargo de Regueifa Tour e coa participación de Manolo Maseda e Séchu Sende, do proxecto Regueifesta. Ás 13.45 horas, a sesión Vermú correrá a cargo do Coro Encaixe.
A praza de Mazarelos recibirá ás 17.00 horas Somos pandereiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandereiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), que reflexionarán sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa convicción de crear o novo relato da existencia como tocadoras.
Ás 18.30 horas, terá lugar un recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes e xa ás 20.00 horas, o Teatro Principal pechará o sábado co concerto da formación Tres Pesos, integrada por Felisa Segade, Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira.
A xornada do domingo
O domingo 23, a feira –para non solaparse coa manifestación convocada ás 12.00 horas na Alameda por Queremos Galego– abrirá ás súas portas ás 13.30 horas e a sesión vermú será ás 14.00 horas da man de Clo Plas, proxecto performativo de Berio Molina e Xiana Arias que mestura a oralidade da montaña de Lugo coa música experimental e o midi. Xa pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase en Mazarelos o Quizz Rosaliano, un xogo para toda a familia arredor da figura de Rosalía de Castro.
Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres actuarán ás 17.00 horas tamén en Mazarelos coa súa proposta Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido. Neste proxecto a poesía rosalianao serve de nexo de unión para a música a videocreación ao vivo e a poesía.
O Colexio Maior de Santo Agostiño será o escenario escollido para o espectáculo A primavera vai chegar, un diálogo a tres voces con Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado. Esta proposta, que tamén implica a unión de poesía e música, desenvolverase en dúas quendas (16.00 e 17.15 h) entre as pedras de Santo Agostiño, por tratarse da antiga sede do Liceo no que participou Rosalía na súa mocidade. A obra de teatro para o público familiar Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja, poralle o ramo ao Festival Rosalía ás 18.30 horas no Teatro Principal.
>>>Máis infomación en i.gal/FestivalRosalia