VAL DEL OMAR: O CINEMA COMO ELEMENTO

DATOS BÁSICOS

CINEUROPA · ACTIVIDADES

Val del Omar: o cinema como elemento

José Val del Omar é unha figura esencial e ao mesmo tempo insólita dentro da historia do cinema. Cineasta cunha visión poética inconfundible, inventor, místico e visionario. A súa ollada clarividente foi obxecto dunha morea de estudos, publicacións, exposicións e retrospectivas en todo o mundo, nun esforzo incesante de dar a coñecer e de preservar a súa obra.

Val del Omar, que foi un artista total e un poeta do cinema,  case sempre se presenta como unha rara avis, un francotirador solitario que foi quen de inventar o cinema experimental el só desde os distintos emprazamentos dos seus laboratorios.

Nesta sesión especial achegámoslle ao público de Cineuropa o Tríptico Elemental de España, a obra maiúscula deste cineasta. Constitúe unha historia sincrética e esotérica do país, na que se concentran a filosofía sufí, o duende flamenco, Federico García Lorca, San Juan de la Cruz, San Agustín ou o neoplatonismo. Un elemental é para Val del Omar unha nova forma de poema audiovisual, pero tamén son as tres esencias naturais constitutivas de cada filme: a lama en  Acariño galaico, o lume en Fuego en Castilla e a auga en Aguaespejo granadino.

Neste Tríptico, Val del Omar vai usar intervencións como os desbordamentos da pantalla e o son diafónico, patentados polo autor,  que conducen cara a unha percepción física e corporal da imaxe, a chamada táctil-visión. Estas invencións, entre outras moitas, e mais a súa ansia transcendente son o que Val del Omar chamaría a mecamística do cine.

ACARIÑO GALAICO (1961-1995)

José Val del Omar

España / 23 min / Documental / Español 

Ficha técnica

Guión, fotografía e montaxe: José Val del Omar

Trátase, se cadra, do seu filme máis (oniricamente) narrativo. Cando foi concibido, a comezos dos sesenta, presentaba técnicas especiais de iluminación e un innovador uso do positivo e negativo, así como unha concepción vangardista do son, a partir de gravacións de ambiente que esperaba obter nas primeiras proxeccións do filme.

Seleccionado na Mostra Internazionale d’Arte Cinematografica de Venecia 1995

__

FUEGO EN CASTILLA  (1958)

José Val del Omar

España / 17 min / Documental / Español

Val del Omar utiliza as imaxes relixiosas de madeira de Juan de Juni e imaxes das procesións de Semana Santa para poñer en práctica a táctil-visión, un sistema de cinema en 3D para o que non cómpre o uso de gafas, senón que conseguía a través dun uso particular da iluminación e do flicker ou parpadeo.

Mención especial no Festival de Cannes 1961

___

AGUAESPEJO GRANADINO (1953)

José Val del Omar

España / 21 min / Documental / Español

Foi a primeira expresión da diafonía, un sistema de son en estéreo cunha situación e división de canles dirixida á psique da audiencia, e do desbordamento apanorámico da imaxe (unha anticipación do cinema expandido de Vanderbeek, que anegaba a sala de imaxes abstractas extrafoveais que xiraban arredor da pantalla), usando as fontes da Alhambra como tema.

Seleccionado na Berlinale 1956

Este pase contará cun coloquio cos comisarios deste programa, Ana Domínguez e Ángel Rueda, e coa encargada do arquivo Val del Omar, Piluca Baquero.

 

Duración: 
61 MIN
Entradas: 
  • Entrada de balde previa retirada de convite

INFO XERAL ENTRADAS CINEUROPA

  • Bono 10 películas: 30 euros

  • Catálogo: 2 euros

PARA TODAS AS PROXECCIÓNS:

  • compostelacultura.gal

  • Zona C (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Tel.: 981 542 462

  • Teatro Principal: de 16 h ata a hora de inicio do último filme do Teatro Principal ou do Salón Teatro. (Se hai un filme ás 16.00 h ou antes, o despacho de billetes abre media hora antes de que comece). Tel.: 981 542 349

EN CADA SALA, PARA AS PROXECCIÓNS DESE ESPAZO:

  • NUMAX: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h e os martes só de 16.00 a 20.30 h. Os domingo e calquera outro día fóra deste horario, abriríase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio da sesión.

  • AUDITORIO DE GALICIA: desde media hora antes do inicio de cada sesión.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS CINEUROPA

Funcións: 
Martes, 19 Novembro, 2024
20:00
NUMAX