"Se o ser humano quere defender a súa cultura dos lobos, das tormentas de neve ou das malas herbas non pode permitirse soltar o fusil, a pa ou a vasoira. Basta con que ande aos biosbardos, que se distraia un ou dous anos, para que todo se vaia a pique: os lobos saen da fraga, os cardos florecen e todo queda sepultado baixo a neve e o po".
Vida e destino, Vasili Grossman
Solovki é como se coñecen comunmente en Rusia as illas do arquipélago Solovetsky, na metade do mar Branco. Na zona máis protexida da illa principal, á beira dun porto natural, atópase o complexo ortodoxo do mosteiro Solovetsky, patrimonio da humanidade. Pero Solovki, ademais, foi prisión soviética. Hoxe en día, todo o mundo, habitantes, monxes e autoridades, tratan de enterrar este tráxico pasado. No entanto, os lugares teñen memoria e esa memoria queda impresa nas vidas das persoas que os habitan.
Juan Manuel Castro Prieto e Rafael Trapiello quixeron explorar visualmente ese territorio para buscar a relación entre inferno e paraíso que o define. Utilizando unha estratexia narrativa máis próxima á poesía que ao documental, en todas as súas imaxes está presente a estraña tensión que existe entre a espiritualidade e a beleza da contorna e o terrible pasado que soportan as illas sobre as súas costas.
A exposición está dividida en catro grandes bloques temáticos. En primeiro lugar, exhíbense o mosteiro e os monxes, que representan o hermetismo e o poder. En segundo lugar, despréganse unha serie de retratos da xente común que habita Solovki. Ningún deles coñeceu as illas cando eran o escenario da prisión soviética. En terceiro lugar, aténdese á vida cotiá nela, aos nenos e os seus xogos, á escola, as casas e as rúas da localidade, estampas á vez costumistas e exóticas. E, por último, exponse unha aproximación ás pegadas emocionais que o gulag deixou no territorio. Completa a exposición unha selección de copias extraídas do arquivo gráfico de Yuri Brodsky, historiador considerado como o maior experto sobre Solovki na época do gulag, e un vídeo con material fílmico obtido da película Solovki, de 1928 (Alicia Ventura, comisaria)
Juan Manuel Castro Prieto (1958, Madrid). Autodidacta, a súa vinculación coa fotografía comeza en 1977. É membro da Axencia Vu desde o ano 2000; en 2015 foi galardoado co Premio Nacional de Fotografía. A súa obra foi obxecto de numerosas exposicións e recoñecementos.
https://www.castroprieto.com
Rafael Trapiello (Madrid, 1980), Desenvolve a súa carreira profesional como fotógrafo desde 2006. Membro do colectivo NOPHOTO desde 2014 e membro fundador do colectivo Nación Rotonda. O seu traballo enmárcase no chamado novo documentalismo.
http://nophoto.org/rafaeltrapiello
«O frío e o esquecemento» «Ningún dos dous me parece que chegase nunca tan lonxe como nesta viaxe a Solovki: tan lonxe no pasado en branco e negro e na negrura do gulag; tan lonxe nesas paisaxes nas que calquera figura humana adquire un dramatismo de naufraxio, e nas que toda presenza, toda memoria, se van disolvendo segundo a mirada da viaxe vai chegando máis cara ao norte, cara a eses horizontes que terminan na bruma e nas chairas de neve nas que se perdían para sempre sen rastro os exploradores polares do século XIX, cara a ese arco iluminado á entrada dunha fortaleza que foi mosteiro e prisión e castelo de irás e non volverás, cara a ese atardecer rosado no que termina unha estrada chea de fochancas, cara á negrura absoluta na que parece mergullarse o mundo, cun asomo de claro azulado de bosque moi lonxe, cun ceo que non se sabe se é de amencer, pero que sexa o que sexa é unha fronteira máis alá da cal xa non pode seguir a viaxe, nin pode haber máis fotos, nin máis imaxes, ningún recordo, só o frío e o esquecemento da desaparición»
(Antonio Muñoz Molina, 2019, 'Solovki', Centro José Guerrero y Auth’Spirit)
Imaxe: 'Kremlin'