'SEQUITUR' JULIA HUETE

DATOS BÁSICOS

Sequitur é un proxecto artístico que consiste na produción dunha serie de pezas bidimensionais e tridimensionais, de madeira e tecido, que proceden da observación e da manipulación que Julia Huete realiza sobre formas e materiais relacionados co vestido. A artista segue liñas de investigación de traballos anteriores e fai referencia no título a esta continuidade.

Dende hai tempo Julia Huete vén explorando o tecido tendo en conta as implicacións deste material e as súas características plásticas. Nos anos 2020 e 2021 tivo a oportunidade de traballar con artesáns. Contou co apoio no proxecto de firmas galegas de artesanía como Belategui Regueiro, cos que traballa de novo para esta intervención, que lle facilitaron o acceso aos seus talleres e unha aprendizaxe que lle permitiu profundar no coñecemento de materiais, métodos e procesos.

No verán de 2021 tivo unha residencia en León, Guanajuato (México), cidade cunha forte industria de calzado. Investigando sobre os procesos de produción atopou que o cartón está presente en varias fases de case calquera tipo de fabricación, non só de roupa, e especialmente na distribución. O cartón das caixas é un material que, pensado para protexer e clasificar, resulta ser en realidade delicado e difícil de manipular sen que se estrague pero que co trato adecuado pode resultar incluso un elemento de gran resistencia estrutural. Remata o ano de residencia cun proxecto que traballa sobre estes materiais menos nobres que a la, o liño ou a madeira como son o cartón e o tecido sintético, reflexionando sobre a xerarquía de valor que lle outorgamos aos materiais e aos procesos.

Na intervención da Zona C continúa a desenvolver esta liña, propiciando a participación de traballadores artesáns como Belategui Regueiro. O traballo no tecido pon o foco no manual, mentres que os soportes demandan un tratamento máis preciso, especialmente a madeira.  O resultado serán as diferentes pezas que ocupan os espazos da Zona C.

Entre as obras presentadas atópanse diferentes tipoloxías e materiais, como tapices irregulares de gran formato, pequenas pezas de cartón ou outras de tamaño medio en madeira. O modus operandi da artista con respecto aos temas escollidos non é nunca literal, senón que o concepto de orixe funciona máis ben como inspiración e punto de partida do que despois van xurdindo as pezas de xeito intuitivo.

Julia Huete naceu en 1990 en Ourense. Graduouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, onde tamén fixo o máster e participou en programas de intercambio coa Fbaup (Porto) e coa UDG (Guadalajara, México). O seu traballo como artista profesional comeza pola aparición en diferentes certames e concursos como Xuventude Crea, Novos Valores ou Isaac Díaz Pardo e con galardóns no Premio para Artistas Novos do Auditorio de Galicia, no Concurso de Pintura da Universidade de Vigo ou no Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense. Destaca o seu paso pola Real Academia de España en Roma, onde foi beneficiaria dunha bolsa de creación no curso 2018-2019, e a participación no programa de Residencias CHARCO durante este ano en León, México. Está representada pola Galería Nordés (Santiago de Compostela), onde realizou dúas mostras individuais, Sobre el Pájaro y la Red (2018) e Como un verde, libro verde (2020), e coa que participou en feiras como Estampa, Just Mad ou ARCO. Dende 2015 expuxo colectivamente en diversas institucións e galerías: CGAC (2021), CA2M(2021), Azkuna Zentroa (2021), Espacio Valverde (2019) ou Maisterra Valbuena (2021). Pódese atopar a súa obra en grandes coleccións: DKV, CGAC, CA2M, Colección María Cristina Masaveu Paterson, MICA o Cerasi. Ademais, recentemente, foi finalista e gañadora do concurso Cervezas Alhambra, ARCO 2021. Actualmente vive entre Galicia e Roma e realiza estudos de doutoramento na Universidade de Vigo vinculados á súa práctica.

https://julia-huete.com/

 

Entradas: 
HORARIO Zona C. Punto de Información Cultural
  • De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h
  • A Zona C permanecerá pechada os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro
  • Tel.: 981 542 462
  • PROTOCOLO DE ACCESO SEGÚN MEDIDAS SANITARIAS VIXENTES
Funcións: 
Mércores, 14 Decembro, 2022 a Sábado, 11 Febreiro, 2023
11:00
Zona C. Punto de información cultural