Ruxe Ruxe levan 25 anos sen baixar dos escenarios, un cuarto de século facendo rock en galego ininterrompidamente. Son a banda máis lonxeva de Compostela, un dos grupos galegos con máis traxectoria e todo un referente para ducias e ducias de músicos que chegaron despois.
Dende a estrea do seu recoñecido logo nos inicios do grupo en 1996 ate os últimos deseños do disco “O estraño falar dun monstro da aldea” (2020), Ruxe Ruxe sempre coidou a imaxe gráfica do seu traballo coa complicidade de deseñadores, fotógrafos ou debuxantes que souberon entender á perfección as súas inquedanzas, dotando todo o seu universo dunha riqueza gráfica de grande valor.
Moitas destas pezas son obra de artistas composteláns, como o creador do logo Javier Iglesias, Pachu M. Torres, Xulio Cé “Arinspunk”, Miguel Duarte ou Javi Bermejo, pero non só, tamén outros grandes como o mítico Grupo Revisión con Pepe Barro á fronte, Carlos Azagra (El Jueves), Diego Pérez “Diebujitos”, Laura Romero ou Raio Díaz (Caramuxo) son parte da historia gráfica dos Ruxe Ruxe.
A arte dos seus case 20 traballos discográficos, cartelería de infinidade de concertos, as súas icónicas camisolas, ilustracións, deseños web, videoclips animados, chapas, revistas, esculturas, artesanía, pegatinas e ata tatuaxes recompilados ao longo de 25 anos, forman unha colección que convén revisar e reivindicar pola singularidade artística e o valor contracultural de todo este universo xerado arredor dunha banda.
Nesta exposición atopamos unha pequena mostra desta inmensa colección, a celebración en imaxes do 25 aniversario dos Ruxe Ruxe.