Ruth e o Leviatán · Paseo guiado

DATOS BÁSICOS

En 1924 Ruth Matilda Anderson recibe unha encarga desafiante: pasar un ano fotografando o norte da Península. É un reto cheo de incertezas e, para ela, o incerto é similar a un pequeno Leviatán, un monstro que ameaza co caos, polo que prepara a viaxe a conciencia. Leviatán é tamén o nome co que bautiza Ruth unha das pesadas cámaras que trae a Galiza. O resultado será un dos traballos fotográficos máis intensos e profundos feitos nunca sobre o noso país.

A praza de Fuenterrabía, as do Toural e Mazarelos, a rúa de Tras San Fiz de Solovio, a praza de Abastos, a rúa de Casas Reais, a praza da Quintana, o pazo de Fonseca, as rúas do Franco e Entrecercas, o Colexio de San Clemente e a Alameda, conforman as 12 paradas deste percorrido de preto de dúas horas tras os pasos fotógrafa. A primeira sesión do itinerario desenvolverase ás 19 horas do xoves 26 de setembro, o día no que se fan exactamente cen anos da súa primeira visita á cidade. As seguintes serán o venres 27, no mesmo horario, e sábado 28, en dúas quendas: ás 11.30 e ás 17.00 horas. A participación en cada un dos grupos  é de balde, está limitada a 30 persoas e para asistir será preciso inscribirse a través dun formulario en liña no portal ruthmatilda.gal.

Ademais, até final de ano o percorrido poderá facerse tamén de xeito autoguiado a través das narracións, dispoñibles tanto en audio como en texto e tanto en galego como en inglés, no portal ruthmatida.gal. As distintas paradas da ruta contan con pequenos sinais situados no chan que marcan o percorrido e dan acceso ás narracións dispoñibles na web. Nela poderase acceder tamén a unha selección de fotografías da autora, case a metade delas inéditas en Galicia. A realización deste paseo autoguiado é tamén de balde e só precisa dispor dun dispositivo móbil e auriculares. 

‘Ruth e o Leviatán’ é un proxecto do Concello de Santiago de Compostela, desenvolvido pola cooperativa Maos Innovación Social en colaboración con The Hispanic Society of America, a entidade que posúe os dereitos de autoría da obra de Ruth Matilda Anderson. 
 

Duración: 
2 h (aprox.)
Entradas: 

PRAZAS ESGOTADAS nos paseos con guía

Funcións: 
Xoves, 26 Setembro, 2024
19:00
Varios lugares
Venres, 27 Setembro, 2024
19:00
Varios lugares
Sábado, 28 Setembro, 2024
11:30
Varios lugares
Sábado, 28 Setembro, 2024
17:30
Varios lugares