Compostela Cultura continúa a espallar no tempo e no espazo as actividades encamiñadas a difundir e reivindicar elementos destacados da historia e a memoria da cidade. Durante os meses de outubro, novembro e decembro abre á cidadanía os Roteiros Patrimonio C, unha serie de rutas temáticas guiadas e de balde coas que descubrir elementos e espazos patrimoniais pouco coñecidos de Compostela, alén das vivencias, relatos e persoas que os poboaron. As visitas serán sempre os xoves, a partir das 19.00 horas, teñen unha duración estimada de 90 minutos e as prazas dispoñibles serán asignadas por orde de inscrición.
O programa abre o día 3 de outubro coa visita 'Arquitecturas desaparecidas', un convite a explorar como a evolución dunha cidade adoita eixar tras si espazos e edificios que se perden, ben por accidentes, desuso ou mesmo por decisións políticas. As persoas participantes visitarán os lugares máis relevantes da Compostela que non puido ser. Alén dese primeiro xoves, esta ruta realizarase tamén os días 10, 17 e 24 de outubro.
En novembro, o itinerario 'Máis de dúas Marías. Mulleres de Compostela' achegará á veciñanza as vidas e historias dalgunhas compostelás ilustres que a historia mantivo, e mantén, inxusta e inmerecidamente no esquecemento. Haberá posibilidade de descubrilas os xoves 7, 14, 21, e 28 dese mes.
Xa no mes de decembro, o paseo 'Os Moscoso, da gloria á ruína. Os condes esquecidos de Santiago', afonda na memoria dunha das familias máis relevantes na historia compostelá, cuxa herdanza é visible aínda en moitos lugares da cidade, a través do seu escudo de cabeza de lobo, pero estaba presente en moitos outros dos que xa desapareceu, como no renacentista pazo de Altamira onde hoxe se sitúa a Praza de Abastos. As persoas interesadas en coñecer a súa historia poderán facelo os xoves 5, 12 e 19 de decembro.
O prazo de inscrición para todos os itinerarios abrirá o luns 30 de setembro ás 12.00 horas e pechará unha vez se esgoten todas as prazas. Tanto a confirmación da praza como o punto de saída de cada ruta será comunicado ás persoas inscritas a través de correo electrónico.