REAL FILHARMONÍA DE GALICIA
FÓRA DE ABONO
Baldur Brönnimann, director
Amandine Beyer, directora e violín
Juanjo Guillén, percusión
Henry Purcell: Curtain Tune on a Ground
Peter Eötvös: Speaking Drums
Henry Purcell: King Arthur (Suite)
Johann Sebastian Bach: Suite para orquestra núm. 3 en Re maior, BWV 1068
Coa participación do alumnado da EAEM
#2 (EN)FOCO
A artista en residencia Amandine Beyer e Baldur Brönnimann propoñen un concerto cativador, que funde o Barroco e o século XXI a través das sutís evocacións que unen as obras do programa. Comeza cos sons tempestuosos e teatrais, cheos de brillo rítmico de Curtain Tune on a Ground de Purcell, que dan paso a unha obra dunha dramaturxia hipnótica, composta en 2013 por Peter Eötvös, un compositor maxistral, fascinado pola música histórica. En Speaking Drums a percusión apodérase da escena para falar, literalmente, co conxunto da orquestra, dun xeito moi teatral. O diálogo transfórmase en loita na Suite da ópera King Arthur, na que Purcell se centrou máis no transfondo guerreiro da lenda artúrica que no máxico. Bach, a quen cita Eötvös na súa partitura, virá a rebaixar a tensión musical, coa terceira da súas catro suites para orquestra, á que pertence a celebérrima Aria. A suite ábrese cunha fanfarra de fulgor afrancesado que inicia o camiño para unha fuga de gran densidade, característica do xenio do Cantor de Leipzig.