“Na distancia medran versos” é a proposta de poesía do Festival C para o mes de agosto, que terá lugar no Paseo da Ferradura da Alameda. O segundo dos recitais chega da man de Nieves Neira acompañada de Olalla Caamaño e Cris Vilariño baixo o título de "Trenza".
No dorso do que o corpo pode reter e necesita, o abrollar dun lugar amándose. E non será así, perderse? Acabar cedendo á voz coma se alguén aparecese? Ten que ser posible o lugar, di o poema, ten que seguir sendo posible, aínda, a pesar de, apunta, lanza. Así, tres mulleres trenzadas no borde do salto do corpo aínda por facer anuncian o milagre, cantiga, Balteira, o encontro tras do cal non hai ninguén.
Nieves Neira (textos), Olalla Caamaño (voz) e Cris Vilariño (danza) trenzarán un encontro á volta da poesía de Nieves Neira, unha experiencia de resonancia, tradución, trafego, eco e contaxio da palabra ao corpo e á voz.