CINEUROPA
SECCIÓN OFICIAL · PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO
CURTAS PROGRAMA 3: 1DE MAIO DE 1937 · A MORTE DO ÚLTIMO ALCALDE FRANQUISTA · AÍNDA HOXE AS HORAS · RUOVESI
As sesión incluirá coloquio co equipo responsable dos filmes
12 DE MAIO DE 1937 (2024)
Mar Caldas
Galicia / 28 min / Documental / Galego
Ficha técnica: Mar Caldas
Sinopse:
O meu avó, Xosé Caldas, sindicalista e concelleiro socialista, foi fusilado en Vigo o 12 de maio de 1937 durante a Guerra Civil. Os fíos condutores desta historia de perda e violencia son a miña voz en off e mais as fotografías do álbum familiar e do estudio Pacheco. Pasado e presente, a historia familiar e a historia colectiva, a memoria transxeneracional e a historia social entrecrúzanse nun relato que demanda xustiza e no que a ollada feminista é persistente.
Mar Caldas (Vigo). Esta artista visual galega é doutora en Belas Artes pola Universidade de Vigo. O seu traballo artístico incorpora diferentes prácticas e medios: vídeo, performance, texto, fotografía. Interesada polas políticas de representación e pola ollada do espectador, tratou temáticas como a subxectividade, o quebrantamento dos roles sexuais, a desactivación do voyeurismo, as relacións de dominación, os traballos das mulleres do rural, a microhistoria e a memoria democrática. Realizou exposicións individuais en museos e centros de arte como o Colegio de España (París, 2019), a Casa Fernando Pessoa (Lisboa, 2011), o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa (A Coruña, 2002) ou o Museu de Arte de Santa Catarina (Florianopolis, Brazil, 1996). Actualmente está a preparar unha exposición individual no CGAC que se inaugurará en xaneiro do 2025.
Premio do público na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) 2024
A MORTE DO ÚLTIMO ALCALDE FRANQUISTA (2024)
Andrew Finkelman, Lola Sounigo
Galicia / 5 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Andrew Finkelman, Lola Sounigo
Sinopse:
Un ensaio visual que ten lugar no enterro de Senén Pousa Soto, un alcalde designado por Franco que exerceu o cargo ata o 2023 na aldea de Beade, de 300 habitantes. Xustapoñendo o "Pacto do Esquecemento" de España coas celebracións públicas de Soto durante a ditadura, o filme contempla a memoria histórica e o esquecemento como ferramentas de transición.
Andrew Finkelman (Portland, Estados Unidos) e Lola Sounigo (Neuilly-sur-Seine, Francia). Chegaron a Galicia no 2022 cunha bolsa Fulbright e establecéronse na Coruña, onde exploraron a súa creatividade e colaboraron en diversos proxectos artísticos. Alí crearon curtametraxes que reflicten as súas experiencias e a riqueza cultural dos lugares polos que pasaron, fusionando as súas perspectivas e influencias artísticas.
AÍNDA HOXE AS HORAS (2024)
Mirian Opazo
Galicia / 10 min / Non-ficción / Galego
Ficha técnica: Mirian Opazo
Sinopse:
Aı́nda hoxe as horas é unha peza sinxela, pequeniña, que sae do burato do peito polo que debemos deixar escapar a negrura cando nos asolaga os pulmóns. Este filme é unha carta de amor. O amor e a morte son indelebles, coma o granito eterno do alto do Forgoselo.
Mirian Opazo (Xinzo de Limia). Cineasta e artista visual destacada pola súa orixinalidade e compromiso co cinema. Licenciada en Belas Artes e cun Mestrado en Creación e Prácticas Artísticas, está a piques de iniciar o seu doutoramento en Historia da Arte na Universidade de Salamanca, centrado na memoria e o cinema. Froito da súa participación no Chanfaina Lab creou Aínda hoxe as horas. A súa obra está a gañar recoñecemento, tanto en Galicia como a nivel nacional, por mor do seu enfoque innovador e profundo sobre a identidade e a experiencia humana.
RUOVESI (2023)
Andrea Zapata
Galicia / 19 min / Ficción / Finés, español
Ficha artística:
Silvia Eliana Aedo, Lasse Poser, Sonja Linnea Lampinen, Lotta Tenhunen, Julia Amelia Girau González
Ficha técnica:
Guión, fotografía e edición: Andrea Zapata
Produción: Beli Martínez, Andrea Zapata
Sinopse:
Cecilia, supervivente da represión militar chilena, atópase agora exiliada na remota Finlandia. A súa neta Aava convértese nun faro de esperanza para ela e ofrécelle un novo espazo no que afrontar e aliviar a súa complexa loita interior, que entrelaza a política co desarraigamento xeográfico e familiar. Esta relación interxeracional entre Cecilia e Aava permite que ambas as dúas busquen un equilibrio entre o pasado de sufrimento e as posibilidades de reconstrución da vida nun contexto diferente, explorando as dinámicas do exilio e da busca da identidade.
Andrea Zapata (Vigo). Cineasta e montadora que desenvolve a súa obra entre Galicia e Finlandia. As súas películas exploran a intersección entre ficción e non-ficción e abordan temas como as dinámicas familiares, a dislocación cultural e a fe. Formada en Comunicación Audiovisual e Montaxe Cinematográfica, colaborou en festivais internacionais e en proxectos de cine cubano. Entre as súas obras destacan Guitarra de palo, aclamada pola crítica, e Aava, que recibiu premios en festivais como Cannes e Cans. Actualmente, traballa na súa longametraxe Vastaliike e continúa a dar clases sobre historia da arte, música, cine e literatura.
Mellor fotografía en Cans 2024
Mención do xurado en Intersección 2024