CINEUROPA
SECCIÓN OFICIAL · PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO
CURTAS PROGRAMA II: A FOTOGRAFÍA VELADA É UN ESPAZO DE MEMORIA · ARDE ARAL · QUEIMAR CANDO MORRA · TAQUIÓN
As sesión incluirá coloquio co equipo responsable dos filmes
A FOTOGRAFÍA VELADA É ESPAZO PARA UNHA PROPOSTA DE MEMORIA (2024)
Sabela Eiriz
Galicia / 10 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión e fotografía: Sabela Eiriz
Sinopse:
Este ensaio visual explora a intersección entre a memoria e a fotografía tomando como punto de partida a fascinación e a frustración polas imaxes erradas provocadas por fallos técnicos ou accidentais. Estas distorsións levan a cuestionar a capacidade da fotografía para capturar e preservar a memoria. Inicialmente, constrúese unha narrativa hipotética a partir das abstraccións xeradas por esas imaxes, e, posteriormente, interveñen as diapositivas. Os erros producidos pola cámara reflíctense como metáforas da memoria: fráxil, imperfecta e suxeita á reinterpretación co paso do tempo.
Sabela Eiriz (Lugo). Artista multidisciplinar, fotógrafa e videógrafa freelance. Doutora en Artes e Educación, tamén é docente universitaria. Licenciouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e completou a súa formación en Barcelona con másters en Fotografía e Deseño (Elisava, 2014) e Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento (UPF, 2016). De volta en Galicia, realizou o máster de Profesorado en Artes Plásticas e Visuais (UDC, 2020) e especializouse en documentación audiovisual e fotografía de retrato e escena.
Mención do xurado en Curtocircuíto 2024
ARDE ARAL (2024)
Alberte Pagán
Galicia / 36 min / Galego
Ficha técnica:
Guión e fotografía: Alberte Pagán
Sinopse:
Arde Aral é a vixésimo terceira entrega da serie Superfícies. A película utiliza imaxes gravadas nas beiras kazaka e uzbeka do Mar de Aral, proxectadas sobre leite (superficies líquidas e refilmadas), co que transforma a pantalla nun lenzo plástico. Mentres unha voz reflexiona sobre a viaxe, as imaxes e o son alternan entre a harmonía e a disonancia.
Alberte Pagán Vázquez (O Carballiño). Cineasta e escritor. Licenciado en Filoloxía Xermánica e en Filoloxía Hispánica pola USC, é teórico e investigador de cinema experimental. Comisario de ciclos no CGAC, publicou Introdución aos clásicos do cinema experimental en 1999. A súa obra inclúe filmes con compoñentes políticas sobre comunidades non occidentais e a serie Superfícies, que explora a metanarración, a subversión de códigos e a hibridación de materiais.
QUEIMAR CANDO MORRA (2024)
Inés Pintor
Galicia / 12 min / Documental / Galego
Ficha técnica:
Guión e fotografía: Inés Pintor Sierra
Sinopse:
O 11 de agosto do 2020 falece a miña avoa Encarna. Ao baleirarmos a súa casa, atopamos un paquete nun armario do seu cuarto acompañado dunha nota que dicía: «Queimar cando morra, painoso e ao lume». Ao abrilo, comecei a reconstruír a súa historia, a nosa historia familiar. A vida dunha muller, e de todas as mulleres que naceron nos anos 30, que casaban e tiñan fillos. Este proxecto é unha reflexión sobre a familia a través das imaxes de Súper 8 e as fotos que atopei nese paquete, e tamén unha reflexión sobre como lembramos as nosas vivencias persoais e como o pasado familiar nos marca no presente. O importante non é o que nos deixan os nosos seres queridos ao marcharen, senón o que nós xeramos con eses recordos.
Inés Pintor (Madrid). Directora e guionista. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Carlos III, completou a súa formación en escolas como Séptima Ars de Madrid e a Escola de Imaxe e Son da Coruña, especializándose en Súper 8 e 16 mm. Dirixiu o documental Mujer(es)Mujer, producido por Socialdocs, e máis de vinte curtametraxes, das que tamén foi guionista. Participou en producións como El Ministerio del Tiempo e Blancanieves de Pablo Berger. Desde o 2016 traballa na súa produtora La breve historia. No 2021 cocreou a serie El tiempo que te doy para Netflix. No 2023 gañou o laboratorio QueerCineLab co proxecto Ese lugar partido e actualmente adapta Sigue mi voz de Ariana Godoy para o cine.
Mellor curta documental no Festival de Curtametraxes de Torrelavega 2024
TAQUIÓN (2024)
Miguel Barcia
Galicia / 4 min / Ficción / Galego
Ficha artística e técnica: Miguel Barcia
Sinopse:
Un mozo constrúe unha máquina do tempo coa que viaxa a través das lembranzas dos seus devanceiros, explorando distintos momentos da historia familiar. A peculiaridade desta viaxe no tempo é que os recordos aparecen fragmentados e deformados, representados por unha mestura de vídeos caseiros e fotogramas impresos e escaneados. Esta técnica visual suxire a fraxilidade e distorsión da memoria ao longo do tempo, achegando unha perspectiva única sobre a relación entre pasado e presente.
Miguel Barcia (Vigo). Estudou na Universidade de Vigo o grao de Comunicación Audiovisual. A súa maior especialidade é a direccion de fotografía, traballando en curtametraxes como Tara (2023) e Gralla (2024), ambas dirixidas por Rebeca Tella e Daniel Filloy, ou Aquel ruido nocturno, de Mario Filloy (en desenvolvemento). Taquión é a súa opera prima como director na ficción, malia ter máis percorrido no eido dos videoclips. Algúns exemplos son Mi cruz (West SRK, 2024) e Terrifier (Mda, 2024).
Premio Novas Camadas no Festival de Cans 2024
Premio Xuventude Crea 2023