PROGRAMA CURTAS GALEGAS 1

DATOS BÁSICOS

CINEUROPA 

SECCIÓN OFICIAL · PANORAMA AUDIOVISUAL GALEGO 

CURTAS PROGRAMA 1: AQUARIUM· BARXACOVA · O FRÍO · SEGUNDA II

As sesión contará incluirá coloquio co equipo responsable dos filmes


AQUARIUM (2024)

Margherita Morello

Galicia / 11 min / Ficción / Galego

Ficha artística: Paula Quintas, Arturo Cobas, Clara Ferrao, Nuria Sotelo, Quico Cadaval

Ficha técnica:

Guión: Margherita Morello 

Fotografía: Olmo Couto

Edición: Margherita Morello

Produción: Marta Caride

Sinopse:

Nun futuro distópico, Electra traballa nunha empresa de márketing onde as súas habilidades creativas son limitadas. Así e todo, aproveita o seu tempo libre para deseñar roupa, un reflexo da súa verdadeira paixón. A súa dedicación é recompensada cun ascenso a directora do seu departamento. Esta promoción provoca celos en Goa, unha compañeira que considera que debería ser a elixida. Para vingar a súa frustración, Goa sabota a Electra, manipula o xefe e logra que a despida. A historia aborda a ambición, a traizón e a loita de Electra por recuperar o seu lugar nun mundo hostil.

Margherita Morello (Xénova, Italia). Reside en Galicia dende o 2001. Dende pequena explorou distintas artes como a pintura, o debuxo, a música e a escritura e aos 20 anos especializouse no audiovisual. Licenciada en Comunicación Intercultural e cun máster en Documental de Creación, traballa no sector audiovisual dende o 2003 como directora, produtora e montadora e fundou unha produtora de seu, OROBORO FILMS. Recentemente dirixiu o documental A memoria dos peregrinos e desenvolveu o guión da súa primeira longa de ficción, A nena e o baleiro, que chegou a semifinalista en festivais nacionais.

Seleccionada no Festival de Cans 2024

Seleccionada no ONED Art/Experimental Film Festival (Francia)

Imaxe de portada Aquarium


 

BARXACOVA (2023)

Rosa Taboada

Galicia / 16 min / Ficción / Galego

Ficha artística: Alfonso Míguez

Ficha técnica:

Guión: Xosé Gallego

Fotografía: Jaime Cuña

Edición: Rosa Taboada

Produción: Rosa Taboada

Sinopse:

Un home regresa da cidade a unha casa illada na vila de Barxacova, situada na Ribeira Sacra. A natureza que o rodea intensifica as súas reflexións sobre o sentido da vida, nun espazo marcado pola soidade e o silencio. Barxacova, parte do concello de Parada de Sil, é coñecida pola súa necrópole de San Vítor, datada entre os séculos IX e X, con sepulcros orientados ao leste-oeste sobre o río Mao, nunha paisaxe de 593 metros de altitude. O guión que acompaña esta trama está inspirado en textos de Albert Camus, como O Estranxeiro e Calígula, e reflexiona sobre a existencia humana.

Rosa Taboada (Santiago de Compostela). Filósofa de formación, ten unha longa traxectoria dedicada á creación audiovisual. Os seus traballos acadaron premios recoñecidos, como o Xohana Torres do Concello de Santiago polo seu filme documental Na procura da Luz, sobre a poeta e membro da RAG Luz Pozo Garza. Foi finalista do Premio Luis Ksado cunha serie fotográfica da súa curta Os paraísos artificiais, realizada baixo a supervisión do cineasta Víctor Erice. Os seus traballos adoitan estar relacionados coa arte e coa cultura, e tamén coa defensa da igualdade de xénero e outras temáticas sociais, e co pensamento e reflexión crítica.

Imaxe evento Barxacova


O FRÍO (2024)

Pablo Dopazo

Galicia / 17 min / Ficción / Galego

Ficha artística: Jose María Sanjurjo, Daniel Sanjurjo

Ficha técnica:

Guión: Pablo Dopazo

Fotografía: Jaime Olmedo

Edición: Carlos Martínez Peñalver

Producción: Pablo Dopazo, Anna Kulyk

Sinopse:

Un día normal na vida dun home de clase traballadora é interrompido por un acontecemento extraordinario. Chema traballa nun mercado de abastos nunha pequena cidade do noroeste de España. O seu día comeza ben cedo, entre pedidos, caixas de xeo e peixe e paquetes de marisco que transporta con dedicación. Tras unha dura xornada de traballo, volve á casa, preparado para descansar. Mais esa tarde recibe unha chamada inesperada que perturba a súa rutina e normalidade; é o pasado que regresa, obrigándoo a enfrontarse a algo que cría esquecido. A súa vida cambia por completo a partir dese momento, e o que parecía unha xeira máis transfórmase nunha encrucillada onde pasado e presente coliden.

Pablo Dopazo (Marín). Estudou Literatura e Filosofía en Santiago de Compostela e Madrid. Logo de se enfrontar a numerosas dificultades para levar a cabo os seus proxectos, decidiu fundar Nova Industria Films xunto a Anna Kulyk. Esta produtora nace coa intención de realizar obras que prioricen a independencia artística. A súa nova curtametraxe, O frío, marca o comezo desta nova etapa e é a primeira produción de Nova Industria Films.

Sección Oficial Curtametraxes no Festival de Málaga 2024

Mellor curtametraxe de ficción, mellor interpretación masculina (José María Sanjurjo) e mellor dirección no Festival de Cans 2024




SEGUNDA II (2024)

Anita Pico

Galicia / 17 min / Documental / Galego

Ficha artística: Segunda García

Ficha técnica:

Guión: Anita Pico

Fotografía: Pedro Galbán

Edición: Ro López

Produción: Henfunk Studio

Sinopse:

Segunda leva a marca do seu nome desde que naceu, un nome que semellaba predestinala a ser unha segunda opción. Mais desde Couso, unha pequena aldea galega, esta muller, agora xa con oitenta anos, demostrou ter a mesma determinación e personalidade ca os emperadores romanos que unha vez dominaron o mundo. Ao longo da súa vida, Segunda non se limitou a seguir as regras impostas pola sociedade, senón que loitou por construír o seu propio camiño. Neste retrato dunha muller do rural galego coñecemos a historia dunha loitadora, dunha matriarca que, a través da súa sabedoría, representa os valores da fortaleza, a perseveranza e a independencia, esenciais na vida daqueles que, coma ela, afrontaron cada desafío con valentía e dignidade.

Anita Pico (A Coruña). Segunda II é a súa cuarta curtametraxe tras Blacks or Whites (2019), estreada no British Film Institute de Londres, What a Circus (2020), curta da BBC rodada no seu programa de novos talentos, e Lique, un thriller que percorreu ducias de festivais da man do catálogo internacional “Shorts from Galicia”. Comezou a súa carreira en Inglaterra, participando en labs como TorinoFilmLab, BAFTA Encounters Widening the Lens ou BBC New Creatives e conta con créditos como guionista en producións de HBOMax, TVE ou BBC. No 2022 bota a andar o seu estudio creativo audiovisual Henfunk Studio e compaxina o seu labor como guionista cos seus proxectos de ficción e anuncios publicitarios. No 2024 estrea a súa serie dixital Pulp Air, comedia galega que percorre festivais por todo o mundo.

Mellor documental no Akida International Film Festival 2024

Mellor documental no RIR Festival Internacional de Curtas de Comedia 2024

 

Duración: 
70 MIN
Entradas: 
  • Entrada de balde previa retirada de convite

  • Bono 10 películas: 30 euros

  • Catálogo: 2 euros

PARA TODAS AS PROXECCIÓNS:

  • compostelacultura.gal

  • Zona C (Praza de Cervantes): de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h. Tel.: 981 542 462

  • Teatro Principal: de 16 h ata a hora de inicio do último filme do Teatro Principal ou do Salón Teatro. (Se hai un filme ás 16.00 h ou antes, o despacho de billetes abre media hora antes de que comece). Tel.: 981 542 349

EN CADA SALA, PARA AS PROXECCIÓNS DESE ESPAZO:

  • NUMAX: de luns a sábado (excepto martes) de 10.30 a 14.00 h e de 16.00 a 20.30 h e os martes só de 16.00 a 20.30 h. Os domingo e calquera outro día fóra deste horario, abriríase o despacho de billetes 10 minutos antes do inicio da sesión.

  • AUDITORIO DE GALICIA: desde media hora antes do inicio de cada sesión.

PRÉGASE USO PREFERENTE DA WEB PARA A ADQUISICIÓN DE ENTRADAS CINEUROPA

Funcións: 
Venres, 8 Novembro, 2024
18:00
Salón Teatro