En 1922 Castelao publicou na editorial Céltiga unha obra de espírito teatral e carácter humorístico que falaba das relacións entre os mortos e os vivos na cultura galega. Era O ollo de vidro, un conto sobre a perspectiva, sobre a posibilidade de habitar a vida desde a conciencia, contemplando a historia política contemporánea en directo e cruzando, con elegancia, a liña entre a ficción e a realidade, entre o rural e o urbano, entre a poética e a política. No conto, unha prótese ocular de cristal –daquela unha rechamante novidade comercial– permitía maxicamente que vivos e mortos se mirasen. Así, artistas e literatos, figurativamente, viraban tamén eles «fabricantes de ollos».
Para elaborar o seu ollo, Castelao mestura tradición e vangarda. Remexe, dunha beira, lendas de mouros e de choscos, dos poderes das figas e das malas olladas. E pensa nas ánimas, pois o ollo de vidro fai ver os aparecidos e a noite fosforescente, aquela «moitedume de luciñas e vagalumes» que forma a Vía Láctea democrática que, desde o exilio, representa para Castelao a memoria antifascista. Hai tamén unha segunda xenealoxía –esta radicalmente moderna– tras do ollo de vidro, que xorde da electricidade e da óptica, da fotografía e do cinematógrafo, das novas tecnoloxías do invisible e da descuberta dos raios-X. Os «raios enigma» chegan axiña a Galicia, xa en 1897, entre a expectación popular. Traen a promesa de penetrar nos segredos da natureza até tornala transparente. Baixo a súa luz, a materia devén espectro, estrutura, pantasma. Os nosos esqueletos nunha radiografía xuntan a conciencia da vida coa da morte. Sobre todo cando bailan, pois –di Castelao– é cando máis parvos parecen. Retomábase con ironía a figura da «danza macabra», aquela muiñeira de osamentas que celebra grotescamente a vida en asemblea. Dela provén a imaxe principal da exposición.
Na súa viaxe por Europa, en 1921, Castelao sofisticara a súa técnica de gravado en linóleo. Aprendera a pintar os corpos enfrontando as sombras contra as luces. Dos seus cadros de cegos definiu un ollo estraño, capaz de extraer as tebras invisibles baixo a luz máis moderna. Nas escuridades dos seus traballos elabórase a pregunta polos custes da riqueza, pola fraxilidade do mundo comunitario, polas as violencias que se agachan nos feitos e as resistencias que se atopan na linguaxe. Nestes oficios de tebras hai saberes moitos en danza. No seu diálogo entre o visible e o invisible, entre a tradición e a vangarda, os ollos de vidro fálannos da posibilidade de recoñecer na comuñón cos ausentes a nosa propia estrañeza ou, na súa semellanza, o noso propio misterio, nese entroido no que as formas loitan polo seu regreso, agarrándose como poden na materia.
Partindo de dispositivos singulares que, como o ollo de vidro, miran e fan ver as cousas coñecidas desde un lugar inédito, nesta exposición imaxinamos unha viaxe imprevista por experiencias colectivas na Galicia dos últimos cento e cincuenta anos. Partimos da máxima de que toda historia que se pregunte polos mundos que foron borrados precisa dun reconto alternativo das formas que os amosen. E así, apoiados nalgúns casos de estudo e dispositivos moi concretos, faremos un percorrido por formas e prácticas culturais coas que abrir, desde abaixo, a imaxinación histórica. Este organízase a través de cinco episodios distintos: primeiro, a construción transatlántica do capitalismo en Galicia desde o século XIX; segundo, o legado utópico da experiencia republicana dos anos trinta, entendida na súa articulación decisiva co galeguismo; terceiro, a duración do xenocidio fascista durante e despois da Guerra Civil; en cuarto lugar, a xorda resistencia do mundo dos vencidos e dos traballadores na posguerra; e, quinto, as rupturas contraculturais dos anos setenta e a emerxencia de novos laboratorios poéticos colectivos. Por último, a exposición empeza e conclúe cunha reflexión crítica sobre a situación da Galicia actual, ante a grave crise ecolóxica e a partir da duración de estruturas coloniais e extractivas.
Fronte ás ruínas do mundo popular, o continuo reinventar dos seus saberes e formas afirma aínda hoxe a potencia rexeneradora da súa historia de continuidades e fragmentos, no seu permanente facer e desfacer. Trátase de convocar esta conciencia, e ese devir, propios dun tempo cíclico, contra a historia en maiúsculas. Para mediar a irrupción formal do mundo vello no tempo do capital, entre os dispositivos fundamentais desta exposición atoparemos máscaras e fetiches, trazos e inscricións, imaxes e paisaxes, collages e refeitos. Estes xeitos, a través dalgún cento de dispositivos, ofrecen unha poderosa gramática cultural de resistencias aínda operativas, convocadas por unha extensa selección de artistas, traballos, formatos e rexistros, todos eles capaces de ver, e de facer ver, o ausente no que está presente, e o que hai no que xa non hai. E este foi tamén, dun xeito moi especial, o caso dos proxectos comisionados de Xoán Xil e do colectivo Nova Escultura Galega, formulando desde as súas propias linguaxes uns ollos que nos miren e que nos deixen ver.
Germán Labrador Méndez, comisario
AUTORES
Manuel Abad, Enrique Acuña, Xosé María Acuña, Agrupación Guerrilleira do Noreste Peninsular, artesán anónimo, artista anónimo, Arraianos, Manuel Ayaso, Marcos Álvarez, Xurxo Ayán, Álvaro de la Parra, Álvaro de la Vega, Nieves Amado Roldán, Anxo Baranga, Jorge Barbi, Clemente Bernard, Mestre Bretón, Camilo Díaz Baliño, Cerámica de Buño, Cerámicas Celta, canteiros anónimos, Castelao, Plácido Castro, Grupo Chévere, Cristina Lucas, Cobian Areal, José Collazo Toro, Xosé Conde Corbal, Eva Civadanes, Franco del Carro, María Antonia Dans, Andrés Dearca, Isaac Díaz Pardo, Laura Freire, Pedro Ferrer, Xoán Carlos Gil, Juan Antonio Gómez Vázquez, Hipólito González Fernández, Antonio Grunfeld, Lúa Gándara, HISTAGRA, Catherina Susanna Kuijper, Irmáns Misterio, Irmáns Naveira, Kukas, Diego Vites, Joan Morera Arbones José Meijón, David Martínez Peón, Xaquín Marín, Urbano R. Moledo / Manuel Torres, Manolito Ngema, Antonio Nodar, Lino Novas Calvo, Uxío Novoneira, Manuel Lema Otero, Celso Otero Domínguez, Raimundo Patiño, L. Edwin Pastuña, Irene Pin, Estampa Popular Galega, Francisco Pérez Porto, Xavier Pousa, Benito Prieto Coussent, Julia Ramalho, Abe Rábade, Anxo Rabuñal, Viki Rivadulla, Juan Rivas, Maruja Roca, Carmen Rodeja, Carmen Romero, Mercedes Ruibal, Santa Inquisición Española, Fernando Sánchez Castillo, Xosé Salgado, Camilo Seira, Manuel Sendón José Signo, Carlos Sobrino, Alfredo Souto, Sr. José, Eduardo Valiña, Jorge Varela, Nicolás Combarro, Xoan-Xil López, Xaime Quesada, Xosé Vizoso Asociación, O General, O Moucho, O Xestal, Juanito y su Pajarito, Colectivo NEG.
COLECCIÓNS
Alg-a Netlabel, Arquivo Deputación de Pontevedra, Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Gustav Henningsen e Marisa Rey, Arquivo La Voz de Galicia, Arquivo Municipal de Pontevedra, Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH), Casa Museo Maria Antonia Dans, Colección Abrente, Colección Conde Corbal, Colección Luis Sirvent, Colectivo Alg-a, Comunidade do pasatempo, Concello de Ribadeo, Filmoteca de Galicia, Fundación Plácido Castro, Fundación Xavier Pousa, IES Valle Inclán de Pontevedra, Instituto da Lingua Galega, Legado Isaac Díaz Pardo, Lomax Digital Archive, Museo de Pontevedra, Museo do Pobo Galego, Museo Etnolóxico de Ribadavia, Museo Pérez Porto e coleccións de prestadores particulares,