Los Sara Fontán & Amorante preséntanse unidos no espectáculo SO (son), que propón escoitar sen ver. Nun tempo onde ollamos a música a través de pantallas, Amorante e Los Sara Fontán sitúan de xeito militante, o son (SO) no centro. Unha peza sónica a escuras, só bañada pola luz de nove lanternas controladas polos propios músicos. Dispostos en círculo e co público rodeándoos, o inédito trío toca, canta, declama, baila, corre e performa de xeito ininterrompido, sen descuartizar o son en cancións ou fragmentos. A ollada pasiva subordínase á escoita activa mentras Iban Urizar (Amorante), Sara Fontán e Edi Pou viaxan por unha infinidade de estilos e texturas, desde a música tradicional e as paisaxes sonoras até o posthardcore e o trap con autotune.
Este concerto enmárcase no festival “O QUE NON SE ESCRIBE. ARQUIVOS SONOROS E CREACIÓN CONTEMPORÁNEA”, que se presenta de novo como unha oportunidade para seguir afondando na aprendizaxe e a experimentación a partir do noso patrimonio sonoro, e divulgar o que fomos, o que somos, e o que tendemos a ser como país musical. As xornadas volven poñer o foco no proceso, desde o máis antigo ao máis contemporáneo, e presentan un programa pensado como unha posta en común dalgúns dos temas que ocupan e preocupan ás artistas, estudosas e institucións que traballan cos arquivos tradicionais; ao tempo que se propoñen espectáculos ao vivo que son unha mostra dos proxectos máis actuais arredor da música tradicional desde unha óptica propia e ao mesmo tempo global. As xornadas están organizadas por Luneda Producións; patrocinadas pola Concellaría de Acción Cultural do Concello de Santiago, Turismo de Santiago, e a Secretaría Xeral de Política Lingüística; e contan tamén coa colaboración de Artistas en Ruta-AIE, aCentral Folque, a USC e o Institut d'Estudis Baleàrics.
Consulta AQUÍ O PROGRAMA COMPLETO.