ENTRADAS ESGOTADAS
‘Costuras’ recompila 10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora se amosa tal como é. Tres colaboracións compoñen o disco: dúas poetas, Antía Otero e Marina Oural, e unha cantante, a catalá Paula Grande. A produción musical, a cargo de Olivera Estudi, dá un novo aspecto ás creacións de Guadi, entrando en campos electrónicos, sen esquecer a parte máis orgánica, creando texturas únicas dentro do pop.
Guadi Galego é unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou sendo moi nova. En 1997 entra en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira, e grava con eles tres discos. Despois experimentou con diversas sonoridades en formacións como o seu proxecto máis íntimo e persoal, Espido (con Guillerme Fernández) ou Nordestin@s (con Abe Rábade e Ugia Pedreira). Finalmente, no 2009 sae á luz ‘Benzón’, álbum aclamado pola crítica galega e española co que inicia a súa carreira en solitario, sen deixar de participar noutros proxectos, como aCadaCanto con Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. No 2014 ve a luz o seu segundo traballo en solitario, ‘Lúas de outubro e agosto’, e no 2016’ sae o terceiro, ‘O mundo está parado’. No 2019 estreou ‘Immersion’, unha relectura musical e lingüística das súas obras máis recentes e tras unha xira e un ano marcados pola pandemia, Guadi Galego lanza ‘Costuras’.
Guadi Galego, voz e teclados
Guillerme Fernández, guitarra eléctrica
Isaac Palacín, batería electrónica
Roberto Grandal, acordeón Midi
Rubén Iglesias, baixo e sub
Paula Romero, coros
Páxina web para máis información: https://guadigalego.eu/