“Será pola roibén que aínda me sinto a salvo” (Antía Otero)
No mes de setembro, Guadi Galego lanzaba co seu sinxelo ‘O.D.A.’ unha mensaxe ao mundo: “Estou tan viva. Sigo viva”. Logo da Roibén (2022) e dun tempo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela.
Neste 2024 regresa cun novo espectáculo, Síntese Horizonte, expresamente concibido para representar, ao vivo, en tres únicas funcións sobre as táboas dos teatros de Galicia. Síntese Horizonte é unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, Guadi foi aprendendo a desaprender do establecido. Agora, ela, acompañada dunha portentosa banda, e cunha produción que destaca pola súa coidada iluminación e posta en escena, confirmará o que desexabamos ver, sentir e escoitar: o poder transformador da música ao vivo.