ARTES ESCÉNICAS · CIRCO
CIRCO NO PARQUE NO VERÁN
CIRCONOVE
O proxecto docente de Circonove desembarca na Casa das Máquinas e o Parque de Galeras para mergullar a rapazada nas diferentes técnicas circenses. Acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e creación de xoguetes malabares sempre adaptadas ao nivel e momento de cada participante, ocuparán as mañás dos luns, mércores e venres do Festival C para que a cativada poida descubrir e aventurarse no mundo do Novo Circo. Todas as actividades desenvólvense a través de xogos que fomentan o traballo en equipo e o respecto entre as e os participantes. Recoméndase que traian unha botella de auga e, no caso, algo de almorzo na súa bolsiña.
A participación é de balde previa inscrición en circonoveoficina@gmail.com. Na solicitude débese indicar o nome completo e idade da/o participante e datos e teléfono da persoa adulta ao cargo. Cada grupo está limitado a 25 participantes e as prazas iranse cubrindo por orde de inscrición.
Velaquí o calendario de sesións segundo grupos de idade
- Para rapazada de entre 6 e 12 anos de idade:
- Luns, 5, 12, 19 e 26 de agosto. De 11.30 a 13.30 horas
- Mércores 21 e 28 de agosto. De 11.30 a 13.30 horas
- Venres 2, 9 e 23 de agosto. De 11.30 a 13.30 horas
- Para rapazada de entre 3 e 5 anos de idade:
- Mércores 7 e 14 de agosto. De 11.30 a 13.30 horas