FESTA DO APEGO
O encontro máis agardado pola cativada apegueira celebrarase neste ano o sábado 21 de decembro, cando a música encha por completo o Auditorio de Galicia, o tradicional escenario da Festa do Apego.
O ritmo, as harmonías, as melodías e, por suposto, as letras das cancións serán os elementos imprescindibles para unha gandaina sensorial coa que achegar a cultura e o lecer en galego aos e ás máis pequenas da casa para o goce de toda a familia.
Logo de comezaren as vacacións de Nadal, o Concello de Santiago de Compostela, a través do Departamento de Lingua Galega, quere agradecerlles a todas as familias do programa Apego con esta oitava edición festeira a súa participación e compromiso ao longo do ano e, asemade, convidar outras novas a se sumaren a esta iniciativa que promove a transmisión interxeracional e a socialización no noso idioma da primeira infancia.
A programación comeza ás 12.00 e remata ás 20.00 h no Auditorio de Galicia. Haberá espazos para experimentar, así como citas artísticas en paralelo para podermos escoller entre moitas opcións durante toda esta xornada festiva. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade en cada actividade.
Velaquí un adianto da programación. A listaxe completa de actividades presentarase o mércores 18 pero ficade atentas ás redes do Apego serdes as primeiras en coñecela!
Xogos e recursos educativos
Espazo Xogos, con Miudinho S. Coop. Galega
Horario: de 12.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h
Espazo: Xogos
Na Festa do Apego habilitarase un espazo onde haberá una amplo repertorio de xogos e xoguetes tradicionais, de organización libre e tamén con monitorado da man de Miudinho. Xogos de sempre que se tornan unha ilusión novidosa para a cativada e de reencontro para as persoas adultas.
A Mesa pola Normalización Lingüística: Exposición de recursos educativos ás crianzas e ás familias; Atlantic Ponte: Espazo de asesoramento a familias e exposición de recursos para a educación e a crianza en igualdade; Libraría Couceiro; Libros de todo o tipo en galego para a infancia; Brazolinda: Un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego, que axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento a través de adiviñas, as matemáticas e os xogos de agudeza visual, entre outros. O espazo Brazolinda amosa ás familias os diferentes xogos e o seu funcionamento.
Horario: de 12 a 14 h e de 16 a 19 h
Espazo: Recibidor
Visita guiada Humor líquido. Xaquín Marín
Horario: 12 h
Espazo: Sala Isaac Díaz Pardo
Aproveitando a presenza da exposición 'Humor líquido' do recoñecido humorista gráfico, pintor, muralista e caricaturista Xaquín Marín (Fene, 1943), Óscar Senra e Xiana Iglesias, da Cooperativa Cultural Maos guían esta visita en que apreciar a obra orixinal do artista en máis de 150 viñetas.
Para bebés (e non só...)
A trompa non é só cousa de elefantes, de Catro Cores
Horario: 2 sesións (12.00 h e 12.45 h)
Espazo: Auditorio · Sala Ángel Brage
De 0 a 6 anos
Catro Cores, un cuarteto formado por 4 trompistas, ofrece un espectáculo musical e teatral para as máis pequenas para aprender e descubrir pouco a pouco a forma e a sonoridade dun instrumento musical moi peculiar: a trompa. As partes deste instrumento encóntranse agochadas polo escenario e as instrumentistas terán que atopalas para poder facer música.
Palabras, de Baobab Teatro
Horario: 17.15 h
Espazo: Sala Mozart
De 0 a 3 anos
Espectáculo musical e teatral de Iria Piñeiro e Davide González no que achegarán a tradición oral galega ás máis pequenas. Con Palabras viaxaremos a través da música, os xogos, os enredos e as historias tradicionais.
Espazo Conto, do Colectivo NOGA
Horario: 12.30 h e 18.15 h
Espazo: Espazo NOGA
De 0 a 6 anos
Contos nos que a música xoga un papel principal: o colectivo de profesionais da narración oral galega (NOGA) terá un espazo de representación de seu na Festa do Apego, onde transmitirá o seu saber en forma de contos musicados dirixidos á primeira infancia.
12.30 h Estrebillando, de María da Pontragha. Contos e cancións para xogar coas palabras e as emocións a través dos estrebillos e contos que contaban as avoas.
18.15 h Cóntame un conto, con Cris de Caldas e Xabi do Camiño. Unha proposta de narración oral e música con moitos contos para durmir.
Música e escénicas para toda a familia
A nena e o grilo camiño das cores, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos
Horario: 13.15 h
Espazo: Sala Mozart
A nena e o grilo camiño das cores é unha montaxe teatral de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas en directo. Esta é a última e cuarta entrega d’ A nena e o grilo, un dos musicais infantís máis aclamados do panorama galego, que conta con tres espectáculos previos: O país das apertas, A nena e o grilo nun barquiño e A nena e o grilo máis aló. Na Festa do Apego, a nena e o grilo volverán cunha nova aventura chea de sorpresas, música e amizade!
Obradoiro A fume de carozo, de Debulla e bulla
Horario: 2 sesións (16.45 h e 18.15 h)
Espazo: Obradoiros
Obradoiro de baile e música tradicional onde as máis pequenas poderán aprender e reproducir ritmos como a xota, a muiñeira e o pasodobres, participar dun concerto interactivo e desenvolver habilidades psicomotrices, creativas e artísticas.
Orquestra de Malabares. Concerto final
Horario: 19 h
Espazo: Sala Ángel Brage
Orquestra de Malabares, un dos proxectos máis orixinais de circo en Europa, une o mundo do circo e o da música nun único espectáculo: 6 malabaristas e a Banda Municipal de Santiago de Compostela. Tradición e innovación unidos nun proxecto único para lle poñer o ramo a unha nova e inesquecible edición da Festa do Apego!