AINÉ PRODUCCIONES
Estrea absoluta
Idade recomendada: > 12 anos
Duración: 80 min
Lingua: galego
#posfunción: 24 de marzo ao remate da función
[DENTRO DA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS. AGADIC. XUNTA DE GALICIA]
Un día de verán, entre o 30 de xuño e o 5 de xullo de 2011, o Códice Calixtino é roubado do seu lugar de exhibición no museo da Catedral de Santiago. A partir deste momento, e ata aproximadamente un ano despois que foi recuperado, a peripecia puido ser seguida polas puntuais informacións que ían aparecendo nos diferentes medios de comunicación. Finalmente puidemos saber que Manuel Castiñeiras, electricista e xefe de mantemento da catedral, fora o autor do roubo. E punto. Ata aquí a historia oficial.
O que nós imos contar é a intrahistoria extra oficial: por que Manolo decidiu cometer semellante delito, como foi a investigación, quen estaba ao tanto do roubo, como se puido ocultar durante un ano semellante botín... Amosaremos, en definitiva, todo o material resultante das exhaustivas pescudas levadas a cabo en estreita colaboración entre dous departamentos clave: o departamento de dramaturxia de investigación e o departamento do disparate. E no decurso da escrita e montaxe da obra, seguramente o departamento de investigación teña menos relevancia ca o departamento do disparate. Significando isto que, aínda que todo sexa pura especulación, posiblemente nos achegaremos moito á realidade.
Porque a historia do roubo, busca e aparición do Códice Calixtino foi, sobre todo, un puro disparate.
Ficha artística
Dirección: Tito Asorey co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez
Texto: Manuel Cortés
Reparto: Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón
Música: Russ (en directo)