Música
Recomendada para alumnos de infantil, 1º, 2º e 3º primaria
Asociación Cultural Tres por Cuatro
É unha proposta musical e teatral, interpretada por Lydia Botana, autora deste espectáculo. “De aquí para alá” é un proxecto de música infantil no que viaxamos arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando as músicas de cada lugar facendo partícipe ó público que nos acompañe na procura de novos sons. A través da música contaremos a historia dunha bolboreta que vai polo mundo na procura de algo que faga feliz ó seu novo amigo Gali, un neno que vive en África e está moi triste. Embarcarémonos nunha viaxe musical arredor do mundo pasando por tódolos continentes, mostrando as distintas tradicións, bailes, música, instrumentos, fauna, flora…tratando de espertar o interese pola música e as culturas doutros lugares valorando a diversidade e por suposto, respectándoa, dun xeito divertido.
Cantaremos co público o retrouso que nos levará ó seguinte lugar transportando unha mesma melodía por xéneros musicais coma a bossa-nova, o rap, o son cubano, o reggae, o ska... ao mesmo tempo que Bolboreta vai conseguindo máis cores nas súas ás grazas á música! Unha divertida aventura na que a música, os instrumentos e as cores son os protagonistas cos que descubriremos paisaxes sonoras distintas disfrutando e aprendendo ó mesmo tempo. Esta historia representa dalgún xeito que a felicidade non está só na fin, senón na forma de facelo camiño, coa música sempre coma compañeira de viaxe, nunca nos sentiremos sós, sempre cara adiante.
O formato do concerto consta dunha posta en escena musical formada por unha instrumentación variada: dende o piano, a batería, o acordeón, os bongoes, campás, etc. Contamos con instrumentos típicos de cada lugar polo que iremos pasando coma a kalimba, o didgeridoo, as cunchas, etc. Xunto cun variado set de pequena percusión que abrangue dende pandeiretas, pao de choiva... e un sinfín de cacharradas que despertarán a curiosidade dos asistentes a este concerto. O elenco do formato completo adoita ser de tres músicos máis unha actriz que dinamiza o espectáculo.