CURTOCIRCUITO 2024

DATOS BÁSICOS

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto celebra a súa vixésimo primeira edición cunha programación competitiva que conxuga o compromiso coa igualdade cunha ampla representación internacional.
Entre o 1 e o 6 de outubro de 2024, a cidadanía compostelá e as e os amantes do cinema poderán gozar dunha ampla selección de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres seccións: Cosmos, Planeta GZ e Supernova. Deses títulos, 27 están dirixidos por mulleres, o 65’8% do total —15 de 25 en Cosmos, 6 de 9 en Planeta GZ, 6 de 7 en Supernova—, un dato que pon de manifesto a aposta de Curtocircuíto pola mirada feminina na súa programación. Presentarán as súas novas obras cineastas como Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger.

Organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura), co apoio da Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), entre outras entidades, este festival de programación permeable que desborda a sala de cine con AV, conferencias, performances ou mesas redondas, dedica a imaxe da nova edición ás ‘profundidades oceánicas’. O cartel de Curtocircuíto 2024, obra de Iñaki López, componse de catro imaxes de abismos mariños que reflicten o espírito inquedo e inmersivo dun evento sempre atento a descubrir e mostrar o talento emerxente e as novas linguaxes audiovisuais. Como novidade este ano, esta idea central non se cinguirá á campaña visual, senón que atravesará gran parte da nosa programación. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van dende a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarán o público dende o litoral á alta mar, e mergullarano na zona abisal até chegar á zona hadal. 

Nesta nova edición, a maior parte das actividades de Curtocircuíto desenvolveranse en dúas salas da capital galega —o Teatro Principal e a Sala Capitol— ás que se suman o Auditorio Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Curtocircuíto - Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela está organizado polo Concello de Santiago de Compostela (Compostela Cultura) co apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, AGADIC e ICAA.

 

 

Entradas: 

​​​

ABONOS (á venda o martes 10 de setembro)

  • Para todas as proxeccións: 20 €  
  • Para as sesións live AV: 30 € 
  • Abono integral (proxeccións + live AV): 40 €

ENTRADAS INDIVIDUAIS (á venda proximamente)

  • Proxeccións:  4€
  • Sesións live AV no Teatro Principal:  8 €
  • Sesións live AV na Sala Capitol: 14 €

Máis información en www.curtocircuito.org 

Funcións: 
Martes, 1 Outubro, 2024 a Domingo, 6 Outubro, 2024