CURTOCIRCUÍTO 2020
Longas x Curto
Nesta edición Curtocircuíto programa as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas que levan moitos anos medrando ao noso lado. Hai xa dez anos que Curtocircuíto exhibiu por primeira vez un traballo de Lois Patiño, do mesmo xeito que o festival fixo a primeira retrospectiva de Jessica Sarah Rinland hai xa tres edicións, que ademais viña de participar na Sección Oficial un ano antes, onde resultou gañadora. Igualmente, Curtocircuíto exhibiu con moito éxito as primeiras curtametraxes do colombiano Camilo Restrepo, que estará en Santiago por terceira vez. No caso de Oskar Alegria, se ben os seus traballos anteriores non formaron parte das nosas programacións, como director do Festival Punto de Vista mantivo unha estreita colaboración con Curtocircuíto. Todos eles son hoxe cineastas de sobra recoñecidos no circuito internacional.
Zumiriki
Óskar Alegria | 2019 | 2:02:00 | España | FIC | COR, B&N
Un cineaste encérrase no bosque da súa infancia nunha cabana de madeira construída en forma de memoria. Só e cun reloxo detido para sempre ás 11 e 36 e 23 segundos. Desde a súa ventá, un recordo invisible, unha illa sumerxida.