CURTOCIRCUÍTO 2020
SUPERNOVA
Esta sección naceu para salvar a brecha existente entre as primeiras experiencias cinematográficas e os circuítos profesionais. Eses primeiros traballos que non teñen fácil acceso a espazos de difusión atopan en Supernova o seu lugar. O festival quere empregar esta sección para que cineastas emerxentes aprendan a presentar, defender e acompañar os seus filmes e, para isto, encargarase de que entre o público haxa sempre programadores, produtores e realizadores máis experimentados que poidan cuestionar as propostas e enriquecer os coloquios.
Los que no sienten
Marta Porto | 2019 | 12:54 | España | DOC | COR
As directoras coñecen a Tamar, unha moza palestina que fai reflexionar sobre a realidade que viven os habitantes de Gaza. Por medio de imaxes cotiás enviadas durante meses, amosan a fraxilidade e o día a día das persoas en Palestina.
Mentres iso pasa
Nacho Ozores | 2019 | 08:00 | España | FIC | COR
Nico é un mozo con teimas e compulsións que o privan de facer unha vida normal. Hoxe volveu chegar tarde a un adestramento. Nico precisa que pase ese inferno da súa cabeza. Por sorte, hai alguén que o pode axudar.
Video-ensaio sobre a miña depresión
Antía Carreira | 2020 | 10:22 | España | DOC | COR
Ao longo destes últimos seis anos, cos seus máis e os seus menos, tiven trastorno depresivo. Este ensaio visual analiza desde a miña perspectiva actual, de estabilidade mental grazas á asistencia a terapia e á medicación, o meu percorrido emocional ata onde estou agora. Isto por medio das miñas animacións e os vídeos que o meu avó me deixou.
Garza
Daniel Pérez Silva | 2020 | 12:56 | España | DOC | COR
Unha muller dedícase a vivir. O seu sobriño, a gravar como vive e as conversas que teñen mentres toman café.
Papá, por que quitas a música?
Ariadna Cordal García | 2020 | 11:00 | España | FIC | COR
Debido a unha situación económica complicada, un pai perde o seu traballo e cae nunha depresión. Cando a relación coa súa familia empeora, a súa esposa e o seu fillo tentarán axudalo.
FIN, unha curtametraxe de Ángel Filgueira anteriormente coñecida como “Sen título”
Ángel Filgueira | 2020 | 06:00 | España | FIC | COR
Un desastre explícito. Algo que contar, nada máis.
Rubí
Raquel Álvarez Méndez | 2019 | 05:29 | España | EXP | COR
Esta peza é un retrato dunha amizade, construído a través da contemplación, fixándome nos detalles que a miña mirada percorría, tentando conseguir que o que a cámara estivese gravando fose o máis fiel posible ao que eu podía ver e achegando a cámara tanto como eu puidese facelo. Nese momento atopei un xeito de contar o que quería contar, amosando unha contorna case onírica vencellada á protagonista (a súa voz, as súas accións, os seus silencios...) e estando eu mesma presente na peza, mais a través dos seus ollos e os seus xestos, o que remata caracterizando a peza de celebrativa e íntima.
Cartografía do esquecemento
Ariadna Fernández Silva | 2020 | 08:52 | España | EXP, DOC | COR
Cartografía do esquecemento expón una reflexión sobre as consecuencias medioambientais e culturais xeradas pola industria do eucalipto en Galicia. O documental indaga no fenómeno do incendio desde unha mirada poética e experimental a partir de múltiples puntos de vista.
Toda aspereza
Pablo Aguilar Martín | 2020 | 18:19 | España | FIC, EXP | COR
Un transeúnte sen nome vese obrigado a trazar unha ruta circular no interior dunha estación de tranvía abandonada, enfrontándose á perda e á memoria. As paredes rotas actúan como canle transmisora de lembranzas fragmentarias, analóxicas e difusas.
Naoko
Aranxa Vicens | 2020 | 10:11 | España | DOC | COR
Damián é un profesional do audiovisual galego que se adentra no seu faiado rebuscando entre os recordos almacenados. Sachiko é unha cociñeira xaponesa que, cunha personalidade moi espontánea, relata a súa infancia. Ambos poñen en común os seus presentes ao nacer Naoko, a súa filla, que supón un punto de reflexión para o que significa ser unha familia de tres ante un futuro incerto.
Retrato de un Hogar
Yuri Salgado Álvarez | 2020 | 06:51 | España | EXP, DOC | COR
Cal é o noso fogar? Neste filme exponse unha reflexión sobre o significado desta palabra afondando nunha nova idea deste amplo e á vez tan persoal concepto.