CURTOCIRCUÍTO 2020
RADAR 5
Obras de calquera xénero e de calquera nacionalidade. Unha variada selección dos títulos que marcan tendencias a escala mundial, tanto na ficción como na animación ou o documental. Cineastas experimentados conviven con novas promesas: curtas que chegan avaladas por numerosos premios concedidos en festivais internacionais e novas obras que Curtocircuíto quere dar a coñecer.
Dustin
Naïla Guiguet | 2020 | 20:00 | Francia | FIC | COR
Nun almacén abandonado, unha multitude baila ao unísono, sacudida pola música tecno a 145 ppm. Entre a xente está Dustin, unha moza transxénero, e o seu grupo: Felix, Raya e Juan. Conforme a noite avanza, a histeria colectiva transfórmase en doce melancolía e a euforia, en anhelo de tenrura.
I am afraid to forget your face
Sameh Alaa | 2020 | 15:00 | Exipto, Francia, Qatar, Bélxica | FIC | COR
Tras 82 días separados, Adam emprende unha dura viaxe para reencontrarse coa persoa que ama, sen importar o que custe.
In the Air Tonight
Andrew Norman Wilson | 2020 | 11:00 | EEUU | EXP, FIC | COR
O primeiro día de confinamento pola covid-19 en Nova York, Andrew Norman Wilson foi desaloxado da casa que tiña subarrendada e decidiu coller un voo de 30 dólares a Los Angeles esa mesma noite. Desde unha casa de campo con vistas ao letreiro de Hollywood, comezou a obsesionarse cun encontro que tivera cunha muller que conducía ao seu lado pola autoestrada cantando enfaticamente ao tempo a canción que el escoitaba na mesma emisora de radio. Esa canción era “In the Air tonight”, de Phil Collins.
Quatorze ans
Barbara Carlotti | 2020 | 23:00 | Francia | FIC | COR
Verán de 1988 en Córsega. Vanina, de 14 anos, a súa curmá e a súa irmá maior escapan ás agachadas para iren bailar e quedaren cos mozos na única discoteca que hai nos arredores. Para chegar ata alí, teñen que camiñar pola estrada nacional, por camiños salvaxes e cruzar a ponte de Venaco baixo un gran ceo estrelado.