A NOITE DO PATRIMONIO * PATRIMONIO AO VIVO
O Coro da Ra toma parte na Noite do Patrimonio cun concerto a pé de rúa que principia na praza de Cervantes. Ás 21.30 h, a formación vocal dirixida por Ramón Bermejo arrancará alí un percorrido musical por distintos espazos do casco histórico para encher de música a noite compostelá.
A asistencia é libre sen necesidade de reserva.
Actuación do Coro da Ra no Auditorio de Galicia (Fotografía: Xaime Cortizo)
O CORO DA RA
O Coro da Ra é o coro residente de Estudio, Centro profesional de música moderna, de Santiago de Compostela. Foi fundado no ano 1993 polo que é o seu director desde entón, Ramón Bermejo. Está formado por 45 voces mixtas, a maior parte delas amadoras, pero tamén conta nas súas filas con grandes profesionais da escena musical galega.
O seu repertorio céntrase na música popular moderna, sobre todo en estilos como o soul, o gospel, o jazz, o rock, o pop, ou a música brasileira.
O Coro da Ra levou os seus espectáculos ás rúas e prazas de moitas vilas galegas nos seus coñecidos 'concertos comando', pero tamén adoita actuar nos grandes teatros de Galicia. No ano 2022 levou o Premio Martín Códax da Música na categoría de coros. En decembro do 2023 celebrou o seu 30 Aniversario no Auditorio de Galicia.