No centenario da anexión do Concello de Conxo polo de Compostela, este faladoiro pregúntase pola importancia do seu Hospital Psiquiátrico, unha verdadeira cámara de ecos das violencias, ansiedades e utopías da Modernidade galega. Construído en 1885 como unha clínica privada e relixiosa, promoveu a tala da carballeira de Conxo, denunciada na obra En las orillas del Sar por Rosalía de Castro.
Así, a memoria do famoso Banquete de 1854 e o fantasma das tradicións republicanas e galeguistas foron conxurados na construción dun Psiquiátrico sinistro, deseñado como unha máquina especializada en illar os marxinados do sentido común social. Mulleres pobres, labregos desposuídos, migrantes traumatizados, presos políticos, e outros moitos disidentes foron violentamente confinados, xerando no camiño importantes beneficios para os administradores do centro. Pero no Psiquiátrico tamén tivo lugar unha das experiencias de crítica institucional máis radicais dos anos setenta, protexida polas tapias da propia institución. Entón, un conxunto de médicos progresistas tentaron de democratizar a vida e os traballos do centro, coa complicidade de internas, traballadoras e veciñanza. Reprimida, perseguida e defendida, a experiencia da «movida mental» de Conxo estaría conectada coas correntes internacionais da arte outra, da psiquiatría alternativa e das loitas políticas revolucionarias. Ese outro Conxo converteuse nun faro para o movemento estudantil local, na «revolta dos pisos» de 1979. Os estudantes de Compostela responderán así vindicando as enerxías creadoras dos internos máis singulares –Mestre Catalán, Bretón, etc–, e discutindo a necesidade de derribar os muros de todos os moitos manicomios físicos e mentais que nos definen.
Neste faladorio participan a xornalista e escritora Montse Fajardo (Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, 2023), o artista Marcelino de Santiago 'Kukas', autor dunha serie de retratos dos internos de Conxo que se poden ver na mostra, e o fotógrafo Antonio Nodar, quen falará da súa aprendizaxe con Felix Guattari na Clinique de La Borde en Francia, acompañados polo comisario e investigador Germán Labrador Méndez.