LA FABBRICA ILLUMINATA · ARXIS ENSEMBLE

DATOS BÁSICOS

LA FABBRICA ILLUMINATA

Soprano: Adriana Aranda
Narradora: Eva Vieites
Acordeón: Nikola Tanaskovic
Percusión: Noè Rodrigo
Violonchelo: Millán Abeledo
Electrónica e sereas: Xoán Xil
Dirección artística: Hugo Gómez-Chao e Noè Rodrigo

Programa
La fabbrica illuminata (1964)
Luigi Nono (1924-1990)
Color y Talea* (2024)
Leonel Aldino (1996)
Oda Ludita/Sereas** (2024)
Xoán Xil/Alba Cid
* Estrea absoluta
** Esta obra foi realizada co apoio das Residencias Artísticas do Gaiás, REGA 2024, no marco dunha colaboración entre a Cidade da Cultura de Galicia e o Festival Resis da Coruña, onde a peza tivo a súa estrea absoluta no pasado mes de maio.

 

Arxis Ensemble [Fotografía de Hugo Gómez-Chao]

Arxis Ensemble
Arxis Ensemble é unha formación cuxo obxectivo principal é completar e enriquecer a escena contemporánea actual, poñendo o foco no gran repertorio dos séculos XX e XXI.
Procedentes de diversas xeografías e contextos artísticos, os intérpretes de Arxis Ensemble teñen un punto en común: dedicar unha parte importante da súa formación para especializarse en música contemporánea en diferentes centros neurálxicos europeos do panorama actual. Por esta razón, basean a súa actividade nun fluxo constante de intercambio con novos compositores e compositoras, así como de contacto con diversas estéticas e manifestacións artísticas, que van dende o interdisciplinar e performativo ata o puramente instrumental, sempre reinterpretado dende unha perspectiva propia e enmarcada no presente.
Durante a súa primeira tempada, Arxis Ensemble contou con Aitor Vázquez como director convidado, e con Igor C. Silva como compositor residente. Ao longo deste primeiro ciclo realizou diversas actividades e concertos en torno ao centenario do nacemento de Iannis Xenakis, que acadou o punto álxido coa interpretación do sexteto de percusión Pléïades no marco do V Festival RESIS de Música Contemporánea. En 2022, estreou en España a obra Akusmata de Beat Furrer, xunto ao ensemble vocal austríaco Cantando Admont, dirixido polo compositor. En 2023, a agrupación participou na 6ª edición do Festival RESIS e na 45ª do Festival ENSEMS, coa estrea das obras de Claudia Cañamero e Hugo Gómez-Chao. Tamén estreou en España La lumière du noir, de Alberto Posadas, baixo a dirección de Nacho de Paz. Ese mesmo ano realizou un concerto na Real Academia de España en Roma, relacionado co proxecto do compositor residente do ano 2023, Hugo Gómez-Chao. Durante a tempada 2024, o ensemble estreará en España e Galicia obras de Alberto Posadas, Luigi Nono, Rebecca Saunders, entre outras pezas de compositores e compositoras actuais e do século xx , baixo a dirección de Bas Wiegers.

La fabbrica illuminata

«Ulises nunca dixo que o canto das sereas fose fermoso. Ulises, o único humano que escoitou o canto que fai morrer sen morrer, di, para caracterizar o canto das sereas, que ese canto “enche o corazón do desexo de escoitar”». (Pascal Quignard)
La fabbrica illuminata foi composta por Luigi Nono, sobre textos de Giuliano Scabia e un fragmento de Due poesie a T. de Cesare Pavese, en 1964 durante un periodo vital especialmente creativo. Na procura de novos modos de expresión e de crítica social, tivo a idea de xustapor unha voz de soprano en directo cunha cinta magnética de sons pregravados en directo na fábrica de Cornigliano: o ruído dunha fábrica, un coro de obreiros cansos, o crepitar dun lume revolucionario, que despois foron procesados no Studio di Fonologia de Milán coa colaboración de Marino Zuccheri. Este acompañamento mecánico proporciona un forte contrapunto temático ás melodías vocais cargadas de emoción cantadas en directo pola soprano. Como Nono utilizaba a tecnoloxía de gravación da súa época, puido incorporar na peza un cativador panorama espacial e outros efectos especiais que confiren a La fabbrica illuminata un toque tecnolóxico vintage. Os temas principais da obra céntranse na explotación da clase obreira e nas aburridas e perigosas horas pasadas nesta fábrica.

Sereas (Oda Ludita) é un encargo do Festival RESIS inspirado polo levantamento que tivo lugar na Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857 cando as traballadoras se revelaron tirando as máquinas recentemente adquiridas ao mar. O traballo céntrase na relación crítica e paradoxal coa tecnoloxía, os modos de produción e a resistencia fronte a un capitalismo tecnolóxico que persegue incrementar a concentración de bens de produción en lugar de redistribuílos. Escrita para soprano, voz falada, acordeón, violonchelo, percusión e electrónica, e baseada nos textos escritos por Alba Cid para a ocasión, dialoga cun dispositivo formado por seis sirenas mecánicas, voces artificiais que lembran as sonoridades da sirena da propia fábrica, un fito da paisaxe sonora da cidade que aínda permanece na memoria e no imaxinario de moitas persoas. Como instrumento, este set de sirenas forma parte da partitura e pode controlarse manualmente para xerar diferentes harmonías complexas, glissandos e batementos, permanecendo despois do concerto en formato de instalación sonora activada cando os visitantes fichan nunha máquina de rexistro horario de empresa que, neste caso, controla o tempo «improdutivo» que foi dedicado á escoita. Leonel Aldino é compositor mexicano que vive en España. Realizou os seus estudos de grao na Escola Superior de Música de México con Jorge Torres Sáenz e posteriormente un Mestrado en Creación Musical Contemporánea con Ramón Lazkano en Musikene, San Sebastián. Tomou clases con Toshio Hosokawa, James Dillon, Michael Jarell, entre outros. Obtivo diferentes premios, como o da Fundación SGAE-España para compositores novos, o de composición Maurice Ravel outorgado pola Academia Ravel en Francia, o Certame Nacional de Composición Salvador Contreras e o Premio Leona de Orquestración, organizado por CENIDIM INBA México. A súa música interpretouse en América, Asia e Europa e tivo a oportunidade de traballar con diferentes formacións, entre elas Cepromusic México, Orquesta Sinfónica Nacional de México, José White Quartet, Ensemble Ascolta e Klangformun Wien.

Gravación de Sereas no aparcadoiro do Auditorio de Galicia (marzo de 2024)

En Color y Talea recupera textos da balada 23 do compositor medieval Guillaume de Machaut (De fortune me doy pleindre et loer) co afán de invocar unha música persoal e cálida, que resgarda no seu arcaísmo o afecto compartido entre músicas de diferentes latitudes. A peza divídese en dúas partes: Color, que é a melodía presentada nun fragmento de canto gregoriano, mentres que en Talea o ritmo se introduce como movemento xerador de estrutura xunto coa cor. Así, tenta reflexionar sobre as consecuencias destes dous elementos que naceron na Idade Media, pero que seguen falando na escoita
dos nosos días.

Duración: 
90 min (aprox)
Entradas: 
  • Entrada de balde até completar capacidade

 

Funcións: 
Xoves, 24 Outubro, 2024
20:00
Casa das Máquinas