CONTEMPORÁNEAS ·CONTOS PARA ARROLLAR UN ENXAME · TALLER SONORO

DATOS BÁSICOS

TALLER SONORO

Frauta: Jesús Sánchez Valladares

Clarinete: Camilo Irizo

Percusión: Baldomero Lloréns

Piano: Ignacio Torner

Violín: Alejandro Tuñón

Violonchelo: Carmen Coronado

 

CONTOS PARA ARROLAR UN ENXAME

Para frauta, clarinete, percusión, piano, violín e violonchelo.

 

Alla ricerca disperata del sole (2014/17) Nuria Núñez (1980)

Autonomous realities (2021) Lula Romero (1976)

Die Macht der Gewöhnheit (2014) Elena Mendoza(1973)

Cartografías efímeras (2024) Nuria Núñez

Il colore dell’ombra (2010) Clara Iannotta(1983)

Título por determinar  (2025) Estrea absoluta Nuria Núñez

Nos últimos anos o compromiso coa creación de novos públicos e de novo repertorio levou a Nuria a traballar en propostas que impliquen novas audiencias como a residencia na Orquestra da Radio de Berlín para o proxecto Rapauke macht Musik para crianzas de 3 a 7 anos, as óperas Kleines Stück Himmel, para a rapazada desde 2 anos e que realizou por encargo de Deutsche Oper Berlin; La Isla, unha video- ópera para público desde os 11 anos, feita por encargo da Fundacion BBVA; El sueño del señor Rodari, ópera de cámara con teatro de sombras para idades desde os 6 anos en diante, na Academia de España en Roma; e Bestiarium, teatro musical interactivo para público a partir de 6 anos, unha coprodución do Senado de Berlín, a Fundación Einstein, a Haus der Kulturen der Welt e Volksbühne Berlín. Para a compositora, os humanos, como calquera sistema animal integrado por entes individuais, establecemos relacións entre nós para sobrevivir na natureza que non son máis que unha reprodución a grande escala  dos sistemas cooperativos non-humanos de insectos ou microorganismos. A música componse tomando como punto de partida estas relacións para tecer xeometrías sonoras vivas, como pequenos organismos que proporcionan coordenadas ao noso oído creando unha vasta rede de conexións formais que moldean a memoria de cada oínte.

O programa complétase con obras de Elena Mendoza, Lula Romero e Clara Iannotta, compositoras estreitamente relacionadas coa traxectoria vital e estética de Nuria Núñez.

As obras de Lula Romero foron estreadas por destacadas formacións de música contemporánea en festivais internacionais de Nova York, Barcelona ou Berlín e recibiu premios e galardóns, por moitas delas. Licenciada en Composición, Piano e Historia da Arte, estudou no Conservatorio Superior de Música Manuel Castillo de Sevilla e completou a súa formación cun Mestrado en Composición no Conservatorio Real da Haia. En 2021 iniciou os seus estudos de doutoramento na Universidade de Música e Artes Escénicas de Graz, en Austria. É unha compositora de música electroacústica e acústica que explora os fenómenos do espazo, o material, a estrutura e forma e o material sonoro en relación con teorías e prácticas de igualdade social e feminismo. Nas súas composicións intenta que a música non sexa un mero obxecto de consumo ou arte decorativa senón que diga algo por si mesma.

Elena Mendoza é a primeira compositora que obtén o Premio Nacional de Música, en 2010. A súa contribución á creación musical española é esencial en todos os campos e converteuse nunha das máis interesantes voces da nova creación contemporánea europea. A súa música explora con grande imaxinación os timbres e a dramaturxia dos procesos formais, baixo os que subxace un continuo cuestionamento artístico da realidade.

Un forte momento teatral é inherente ás súas obras; as pezas instrumentais son a miúdo campos de experimentación para as obras músicoteatrais, nas que integra instrumentistas, cantantes e actores, nun proceso escénico en estreita colaboración co director de escena Matthias Rebstock, co que traballa desde 2004 e co que estrea, en 2007, Niebla no Europäisches Zentrum der Künste Dresden Hellerau, deixando unha pegada significativa na produción de teatro musical contemporáneo. Seguíronlle La ciudad de las mentiras, sobre textos de Juan Carlos Onetti, encargada por Gerard Mortier para o Teatro Real Madrid (2017) e Der Fall Babel, estreada no Festival de Schwetzingen en 2019.

Para Clara Iannotta, cada nova composición é un campo de experimentación para perfeccionar a súa propia linguaxe musical e os seus títulos sinalan determinadas etapas da vida ou circunstancias nas que se crearon. As pezas comparten unha certa «teatralidade», en canto á materialidade do son, o seu dinamismo interno, os seus estados enerxéticos, a súa xénese instrumental desde o silencio... O son non se percibe separado do xesto que o produce, e a posta en escena materialízase en diferentes configuracións instrumentais. As partituras de Iannotta están cheas de instrucións meticulosas, como a forma de preparar os instrumentos mediante o uso de obxectos como agullas de tecer, caixas  de música, cinta adhesiva, e moitos outros obxectos que son empregados para a ampliación da paleta sonora; ata o extremo de precisar moi detalladamente o manexo do arco do violín. A compositora deixase inspirar por impresións auditivas especiais, polos sons de campás e os seus espectros sonoros complexos, por fenómenos sonoros observados e imaxinados. Avalía eses sons co seu oído microscopicamente afinado, descubrindo nese proceso infinitas ínfimas gradacións no seu interior; encontra maneiras sorprendentemente complexas e precisas de escribilas e, coas súas habilidades compositivas, proxecta estes procesos nun formato accesible para o oído —e para a vista— e sorprende con fenómenos sonoros híbridos.

 

Entradas: 
  • Entrada de balde até completar aforo
Funcións: 
Martes, 20 Maio, 2025
20:30
Auditorio de Galicia