DE LUGARES E ÓRGANOS. CONCERTO DE TASTO SOLO.
A FLOR EN PARADIS. LITURXIA E FIN´AMOR NA ARS ANTIQUA
Anne-Kathryn Olsen, voz
Guillermo Pérez, órgano portativo
Tasto Solo presenta un cativador programa, no que se exploran as orixes da polifonía en Europa, a través dunha variada selección de motetes, compostos a mediados do século XIII, xunto a outras pezas características da Ars Antiqua e comezos da Ars Nova como o organum-florido (canto gregoriano ornamentado con “flores” segundo a terminoloxía medieval), secuencias latinas, pezas instrumentais e extractos do Ordinarium Missae, procedentes do Codex Montpellier ou do Códice de Las Huelgas.
O programa está interpretado ao órgano portativo por un dos seus máis virtuosos intérpretes, Guiller-mo Pérez, acompañado pola soprano americana Anne-Kathryn Olsen, seguindo a práctica medieval da “intabulación” na que o pequeno órgano tanxe as voces inferiores, mentres que a cantante interpreta o canto superior. Este instrumento, que foi unha icona durante a Idade Media para desaparecer completamente a comezos do século XVI, posúe unha enorme riqueza en canto ás súas posibilidades ex-presivas, sendo capaz de producir sublimes sons cun timbre fermoso e único. Ámbolos dous in-térpretes son quen de recrear paisaxes sonoras históricas a través dunha viaxe acústica, na que o or-ganetto renace en novos contextos para revivir os tempos máis refulxentes do seu pasado musical.