BULEVAR PAPAGAIO
A FEROZ
Idade recomendada: > 16 anos
Lingua: galego
Foco Creadoras de escena
Foco Memoria en escena
Cando a fotógrafa Maribel Longueira escoitou os primeiros sons da piqueta tívoo claro: o Papagaio víñase abaixo. Ou, mellor dito: tiraban abaixo o Papagaio e con el un fragmento da cidade que moitas coruñesas non querían mirar.
O barrio popular, o barrio obreiro, o barrio das putas e doutras traballadoras explotadas debía facerlle sitio a unha mole de cemento e pretensións. A cidade da xente de ben devoraba o que non lle valía. Esta afinadísima intuición de Maribel levouna a documentar, cámara en man, o declinar dun tempo e unha xeografía propias, domésticas, gloriosamente prosaicas.
E coas imaxes recollidas convidou a varias poetas a poñer a palabra necesaria. A idea primeira era que aquel fose un traballo coral, colectivo. Mais Luísa Villalta, unha desas convidadas, chegoulle pola porta cun rosario de poemas, unha xema por cada imaxe.
Texto e dramaturxia: Lorena Conde
Dirección: A Feroz
Elenco: Inés Salvado, Lorena Conde, Gustavo Freire e Bea Romero
Escenografía e iluminación: Nononlab
Deseño, escenografía e vestiario: A Feroz
Espazo sonoro: Manuel Abraldes
Produción: A Feroz
Distribución: Lilian Portela - Amarelo
Os días 22 e 23 de marzo, a compañía teatral A Feroz representará na Casa das Máquinas Bulevar Papagaio, un espectáculo que revisa a historia deste barrio obreiro da Coruña a partir do poemario que sobre el escribiu Luisa Villalta e as fotografías coas que o retratou Maribel Longueira.
Arredor desta obra, que convida o público a pousar a mirada nesoutros barrios que fican fóra das estampas turísticas e que tamén conforman o relato das cidades, técese o roteiro 'A carón do Papagaio', un itinerario previo á representación que explora os arredores da Casa das Máquinas, para redescubrir a historia e o desenvolvemento da súa contorna.
O percorrido transitará pola rúa das Galeras, O Pombal, Campo das Hortas e lugares cono Cruceiro do Gaio, Poza de Bar ou Rúa das Oblatas para contextualizar o espazo no que se desenvolveu unha parte importante da historia de Compostela e reflexionar sobre a súa transformación e a maneira que estes espazos inflúen na vida das perdoas que os habitan.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
- Datas: 22 e 23 de marzo
- Hora: 19.00
- Saída: Casa das Máquinas
- Duración: 45 min (aprox.)
- Prazas: 50
- De balde previa inscrición
INSCRICIÓNS