BELTENEBROS: OBXECTOS COREOGRÁFICOS

DATOS BÁSICOS

A Zona C acolle o traballo de comisariado seleccionado na achega de proxectos de intervencións artísticas para a Zona C. O comisario e investigador Sergio Meijide Casas (A Coruña, 1996), presenta un percorrido a través do universo cinestético do coreógrafo, bailarín e investigador das artes do movemento, Javier Martín.

«Enmarcada na mitoloxía do belo tenebroso, unha figura que percorre a literatura occidental dende o Amadís de Gaula até as reimaxinacións máis recentes de Julien Gracq ou Pier Paolo Pasolini, Beltenebros: obxectos coreográficos preséntase como unha viaxe a través do universo de Javier Martín. O punto de partida son os materiais preparatorios da súa recente obra escénica Beltenebros, presentada o pasado 24 de xaneiro no Teatro Colón (A Coruña) e concibida en paralelo a este proxecto expositivo. Se do que se trataba naquel caso era de corporeizar unha longa investigación sobre como algunhas tecnoloxías somáticas do pasado (os exvotos) nos poden axudar a elaborar a nosa subxectividade nos tempos do turbocapitalismo, a formalización expositiva deste mesmo proceso recalou nunha presentación obxectual na que o corpo do artista, o seu principal medio de expresión, non está presente. Este paradoxo é o que habilita que a exhibición dalgúns dos materiais preparativos da obra escénica alumee un resultado diferente ao fin para o que foron creados, permitindo que sexa a dimensión escultórica dos obxectos a que artelle unha reflexión ampla sobre as complexas relacións entre arte, corpo e pensamento. A pregunta que nos fixemos cando comezamos este proxecto foi a de como trasladar un traballo coreográfico e escénico ao marco da exposición temporal, e esta é unha resposta entre moitas: comprendendo que traducir é transformar. Fronte á distancia implicada na forma escénica, a posibilidade de achegarse ás ferramentas do artista permite outras texturas, outras materialidades. Non se trata de demostrar a condición aurática do atrezzo, senón de tensar os signos que percorren o proceso para facer partícipe ao público dun traballo íntimo que busca desfundar a pantasma biográfica. Neste senso, esta exposición aspira a reencantar a que fora a antiga casa do concello, a transformala nun limiar entre o necesario e o posible, nun espazo onde o proxecto se revele como un traxecto sen obxectivo pechado. En definitiva, Beltenebros: obxectos coreográficos é unha invitación á reflexión pausada e atenta sobre os procesos e as investigacións dun artista do movemento, sobre as potencias dos obxectos que fan parte das coreografías e sobre a presencia dos corpos na súa ausencia. Tamén unha demostración de que as artes, como os soños, pensan porque non pensan, e así iluminan outras formas de atender ás complexidades da vida». Sergio Meijide, comisario

Sergio Meijide Casas é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde impartiu docencia. É autor de numerosas publicacións académicas, participou e organizou congresos e seminarios internacionais e realizou estadías de investigación en centros académicos de prestixio. Foi gañador da VII edición do premio CGAC de ensaio. Actualmente colabora co Departamento de Arquitectura do Centre Pompidou.

Javier Martín traballa como coreógrafo, bailarín e investigador das artes do movemento. É autor de máis de trinta pezas, entre as que se inclúen dezaseis espectáculos e diversas colaboracións con artistas como o pianista Oleg Karavaichuk. A súa obra foi presentada en España, Portugal, Francia, Rusia, Ucraína, México, Uruguai e Guatemala. En 2024, veu a luz o primeiro poemario do artista, Materia resonante (De Corpos Presentes). 


Encontros e conversas

Como parte da súa vocación experimental e procesual, esta exposición será activada a través dos seguintes encontros e conversas, de asistencia libre e de balde, no terceiro andar da Zona C:

• Sábado 1 de marzo, 12.00 h. Paseo comentado pola exposición coa pianista Haruna Takebe e a performer Masako Hattori, colaboradoras da obra escénica Beltenebros.

• Sábado 15 de marzo, 12.00 h. Encontro con Victoria Pérez Royo, profesora de Estética e Teoría da Arte na Universidade de Zaragoza.

• Sábado 22 de marzo, 12.00 h. Conversa entre Javier Martín e Gena Baamonde, dramaturga e investigadora, a partir do libro Materia resonante.

• Sábado 5 de abril, 12.00 h. Conferencia ‘Cara unha metamorfose somática’ de Sergio Meijide Casas, comisario da exposición.

O comisario e o artista queren mostrar o seu agradecemento á Cerería Sacristán y Giesta, a Fernando Valenzuela, ao Museo das Peregrinacións de Santiago e a todas as persoas que decidiron prestarlles os seus corpos en forma de radiografía.

Entradas: 

► O día da inauguración a sala abre ás 19.30 h

► Horario ZONA C

  • luns pechada
  • de martes a sábado
  • de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 h
Funcións: 
Martes, 18 Febreiro, 2025 a Sábado, 12 Abril, 2025
Zona C. Punto de información cultural
MULTIMEDIA