Compostela Cultura presenta o seu programa de Artes Escénicas para o primeiro semestre de 2025. Son un total de 33 propostas de teatro, danza e circo, cunha programación especial En Familia dentro da cal temos o PorVezPrimeira, espectáculos dirixidos a bebés. As funcións serán 42 e poderemos velas no Auditorio de Galicia, Teatro Principal e na Casa das Máquinas.
Para alén de presentar unha coidada selección dos mellores espectáculos da creación galega e estatal con achegas dende a outra beira do Miño, esta nova temporada escénica presenta unha articulación temática arredor de tres focos que se acenden para dirixir a nosa mirada cara a diferentes cuestións vencelladas á autoría, á temática e ao xénero.
O primeiro deles, o Foco Teatro do Noroeste, centra as luces nunha compañía fundacional do teatro galego, residente na cidade, que continúa en activo. Ao abeiro desta programación Teatro do Noroeste presenta dous dos seus espectáculos máis recentes: en xaneiro, abre a temporada coa estrea de Guerra e volve no mes de maio para presentar Gloria Nacional.
O segundo faro, o Foco Memoria en escena, xunta un amplo abano de propostas que dan conta, por unha banda, dunha liña temática e de creación das artes escénicas actuais: a composición de dramaturxias e ficcións a partir de feitos e personaxes históricos; e por outra, afondan no concepto de memoria como capacidade física, no seu devalar e as súas consecuencias, na memoria como legado de vida para perdurar no tempo.
Finalmente, o Foco Creadoras de escena reivindica as voces e olladas das mulleres no teatro e na danza, tanto desde o punto de vista da dirección como da dramaturxia e a creación coreográfica. Este foco expandido, que alumea boa parte da programación, dá conta da súa forza capital no camiño cara á igualdade, coa introdución de temáticas, estéticas e puntos de vista diferentes que fan desta unha temporada máis plural e máis diversa.
As entradas poden adquirirse a partir do xoves 5 de decembro, ás 11.00 h tanto na páxina web compostelacultura.gal como na Zona C· Punto de Información Cultural no seu horario habitual: de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h. Ademais, poderán mercarse os días de espectáculo na sala na que se desenvolvan, dende unha hora antes do inicio do evento.