CINEUROPA
SECCIÓN OFICIAL EUROPEA · DOCS CINEUROPA
APOCALYPSE IN THE TROPICS / APOCALIPSE NOS TRÓPICOS (2024)
Petra Costa
Brasil / 110 min / Documental / Inglés, portugués
Ficha artística:
Petra Costa, Jair Bolsonaro, Luiz Inácio Lula da Silva, Michelle Bolsonaro, Silas Malafaia, Oscar Niemeyer, Elizete Malafaia
Ficha técnica:
Guión: Petra Costa, Alessandra Orofino, Nels Bargenther, David Barker, Tina Baz
Fotografía: João Atala, Pedro Urano, Murilo Salazar
Edición: Jordana Berg, Tina Baz, David Barker, Nels Bangerter, Victor Miaciro, Eduardo Gripa
Produción: Petra Costa, Alessandra Orofino, Malene Flindt Pedersen
Sinopse:
Cando termina unha democracia e comeza unha teocracia? Velaquí unha investigación sobre o control cada vez máis poderoso dos líderes relixiosos sobre a política en Brasil. Durante a crise do Covid-19 multitudes de fieis evanxélicos pregaban pedindo a intervención de Xesús. Mentres, na Amazonía milleiros de vítimas enterrábanse en fosas comúns. Ademais, unha vaga de bolsonaristas invadiu os pazos dos tres poderes reclamando unha intervención militar. Simultaneamente, na televisión os líderes evanxélicos prometíanlles riqueza e felicidade neste mundo aos seus seguidores de os axudaren a tomar o poder. Este filme documenta un tempo de profunda confusión e desesperanza con exactitude e ollo poético, entretecendo pasado e presente e mergullándose nas realidades contraditorias dunha democracia nova que pende dun fío.
Petra Costa (Brasil). Directora e actriz graduada en antropoloxía e teatro polo Barnard College da Universidade de Columbia de Nova York. Comezou a súa carreira como cineasta coa curta Olhos de ressaca (2011), unha representación poética do avellentamento e o amor a través da perspectiva dos seus avós. O filme proxectouse en máis dunha ducia de festivais internacionais e gañou o premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cinema de Río de Xaneiro. Logo viñeron Elena (2012), a súa primeira longametraxe, estreada no Festival Internacional de Documentais de Amsterdam (IDFA) e Olmo e a Gaivota (2015), codirixida con Lea Glob e estreada no Festival de Locarno. O seu terceiro filme, Democracia em vertigem, estreouse no festival de Sundance e foi nominado ao Óscar como mellor documental.
Sección oficial nos festivais de Venecia e San Sebastián 2024